Rueda convértese en director de coro na súa felicitación de Nadal, na que aparecen Rajoy e un dos Mozos de Arousa

"Este concerto si que soa ben", asegura o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que ve ao coro cantar a través do teléfono.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2024 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alfonso Rueda, converteuse en director dun coro para desexar un bo nadal e para demostrar que cando "os galegos se unen, Galicia soa moi ben". Así o fixo no vídeo do Nadal difundido este sábado polo PPdeG, no que Rueda, ataviado cun xersei do Nadal, ponse á fronte dun coro no escenario dun auditorio para demostrar a harmonía e a proximidade dos galegos.

O vídeo comeza cunha videochamada de Rueda e do expresidente estatal Mariano Rajoy que lle di, cunha botella de plástico na man e a tapa aberta, que 'non sabe se chegará, porque hai un tampón na entrada'. Con isto fan referencia a cando Rajoy contou no Foro La Toja a súa experiencia cunha botella de plástico. A continuación, o presidente da Xunta atópase con diferentes personaxes que, durante este 2024, tiveron relevancia por certas polémicas.

Así, o primeiro en aparecer é o deputado e integrante dos 'Mozos de Arousa' Raúl Santamaría, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. Os populares galegos tamén se acordaron do asesor do exministro José Luís Ábalos, Koldo García, que quere "cantar", ao que Rueda contesta: "Onde ten que cantar é noutro sitio".

Tampouco falta o líder nacional dos populares e expresidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, que, a través do teléfono, ve ao coro cantar e asegura que "ese concerto si que soa ben", co que fai referencia ao concerto económico catalán. No vídeo tamén aparecen as fillas do presidente autonómico, que seguen o concerto por computador, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e os catro presidentes provinciais do partido, Diego Calvo (A Coruña), Elena Candia (Lugo), Luís Menor (Ourense) e Luís López (Pontevedra).

Finalmente, chega a mensaxe de Nadal de Rueda: "Queremos que este Nadal soe ben para todos os galegos. Porque cando nos xuntamos, soamos moi ben. E o noso futuro soa aínda mellor. Felices festas e próspero 2025". O titular autonómico tamén mandou un "saúdo moi especial e cariñoso" para os afectados pola DANA de Valencia.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no vídeo de Nadal dos populares galegos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no vídeo de Nadal dos populares galegos | Fonte: PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta