Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2018 | Actualizada ás 15:12
A formación nacionalista Cerna retou a "todas" as organizacións políticas que conforman En Marea a "disolverse" en favor da participación das persoas a título individual no proxecto rupturista para, deste xeito, deixar de lado as "posicións partidistas" e "cumprir" cos acordos fundacionais que establecen En Marea como un partido instrumental de adscrición individual.
Este venres, a coordinadora de Cerna ofreceu unha rolda de prensa en Santiago na que realizaron un chamamento a "apagar os motores auxiliares" de En Marea, é dicir, que os partidos políticos que auspiciaron o nacemento do proxecto rupturista a nivel galego hai case dous anos se dilúan na organización.
Así o explicou a portavoz nacional de Cerna e tamén deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, que asegurou que o reto lanzado aos partidos a que se "disolvan" ten por obxectivo de converter a En Marea nun espazo "soberano" e "autoorganizado" no que as decisións as tomen as persoas "inscritas" e non as organizacións políticas.
Verao, acompañada na comparecencia de prensa por gran parte dos membros da coordinadora de Cerna --entre eles, a exdeputada Consuelo Martínez e Mario López Rico, ambos os membros do Consello das Mareas-- reivindicou que o chamamento a abandonar as "posicións partidarias" corresponde ao "clamor" que, din, perciben tanto da militancia de base de En Marea como dos seus "votantes".
Nesta liña, Cerna asegura que serán os primeiros en "disolverse" en En Marea e defenden que, na práctica, os seus membros "xa" participan no proxecto a título individual e non como representantes do partido. "Algo estamos a facer ben porque temos ás cúpulas dos partidos cabreadas", asegurou Consolo Martínez.
Así, entroncan esta idea de participar como militantes do proxecto de En Marea e non como representantes dunha organización política co modelo marcado polas mareas municipalistas, á vez que aseguran que o "problema" de En Marea nestes momentos radica nas presións que exercen "as cúpulas dos partidos".
Así as cousas, consideran que a configuración de En Marea como un proxecto "soberano" é necesaria para cumprir cos "obxectivos primordiais" do rupturismo: lograr que Galicia teña o rango de nación para evitar "repetir o papel secundario ao que foi relegada na xestación do réxime do 78" e, por outra banda, "desaloxar" ao PP das institucións.
DEIXAR ATRÁS OS PARTIDOS
Ademais, Verao lembrou que na Asemblea fundacional de En Marea, celebrada a finais do mes de xullo de 2016 en Vigo, os partidos comprometéronse a "exercer temporalmente un papel de motores auxiliares para iniciar o camiño e só para inicialo".
Agora, cren que "as accións" das organizacións foron "contraditorias ás veces coas decisións adoptadas de maneira escrupulosa e radicalmente democrática polo conxunto das persoas do espazo de En Marea", polo que "dificultan o avance da ferramenta da unidade popular das persoas que é o partido instrumental".
EN MAREA DIVIDIDA
O movemento de Cerna prodúcese nun momento no que Podemos Galicia e Esquerda Unida dan por fracasado o modelo establecido en Vigo, que consideran unicamente un acordo electoral para presentarse ás eleccións autonómicas de 2016, e reclaman que En Marea se reconfigure ao redor dunha coalición de partidos.
Pola súa banda, Anova --organización da que se escindiu, precisamente, Cerna-- defende o modelo de participación a título individual, pero mostrouse crítico co rumbo tomado por En Marea desde o proceso interno para a elección dos órganos de dirección do partido instrumental, que cren controlados por un sector que "non representa" a "pluralidade" do espazo político, en alusión á propia Cerna.
Nas devanditas eleccións ao Consello das Mareas, dúas candidaturas presentadas no último momento por afíns a Cerna e a un sector non oficialista de Anova, respectivamente, lograron os apoios suficientes para facerse coa maioría dos 35 postos do órgano máximo de dirección do partido instrumental.
Pola súa banda, Luís Villares encabezaba unha lista de consenso que defendía unha portavocía dual. Finalmente, logo da constitución do Consello, o maxistrado en excedencia apoiouse nas dúas listas anteriormente mencionadas á hora de configurar a Coordinadora (que equivale a unha executiva nun partido clásico) para, deste xeito, facerse coa portavocía única de En Marea.
Este movemento foi censurado por representantes de EU, Podemos Galicia, o sector oficial de Anova e algunhas mareas municipalistas como Marea Atlántica; o que derivou nunha división interna no seo de En Marea que levou á conformación de dous bloques distanciados entre si.
PAULA QUINTEIRO
Esta fractura, evidenciada no plenario (sorte de congreso para En Marea) no que se impuxeron as teses do sector oficial, reavivouse co conflito en torno ao caso de Paula Quinteiro, a deputada que se viu envolta nun incidente coa policía.
A dirección do partido, con Villares á cabeza, reclamaron a dimisión da parlamentaria, que conta co apoio do sector crítico e a maioría dos seus compañeiros no Pazo do Hórreo, que acusou á cúpula de En Marea de iniciar un "proceso inquisitorial" contra Quinteiro.
Así, nunha consulta celebrada a mediados do pasado mes de marzo e na que participaron un 40 por cento dos 2.400 inscritos do partido instrumental, as bases apoiaron a opción de reclamar a dimisión de Paula Quinteiro, que desatendeu o ditame alegando que non ten motivos para presentar a súa renuncia e acusando á dirección de iniciar un "procedemento ilexítimo" contra ela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.