Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2018 | Actualizada ás 08:30
Unha investigación apunta á eficacia da psicoloxía para reducir a depresión no canto doutras alternativas. Así o acredita un ensaio do que é investigador principal é Antonio Cano Vindel, catedrático de Psicoloxía da Universidade Complutense de Madrid, e que ten como obxectivo comparar o tratamento psicolóxico fronte ao habitual en Atención Primaria na abordaxe de trastornos comúns como o estrés, a ansiedade ou a depresión.
Neste ensaio participan máis de 200 investigadores que avaliaron a case 1200 persoas en 28 centros de saúde de 10 comunidades autónomas: os seus resultados preliminares xa apuntaron claramente á eficacia do tratamento psicolóxico, cunha redución de síntomas catro veces maior no caso da depresión, e cunha recuperación que triplica á do tratamento habitual en cadros depresivos ou ansiosos. Así, Cano Vindel ofrecerá a conferencia inaugural na que presentará os resultados do seu ensaio clínico, PsicAP.
"O LUGAR DO ENCONTRO BIO-PSICO-SOCIAL"
Quedarán entón inauguradas estas xornadas, organizadas conxuntamente polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas e a Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes - Agapir. Este encontro profesional reunirá a máis de 80 psicólogos/as e terá lugar o venres 15 de xuño no Antigo Hospital de San Roque, en Santiago de Compostela, desde as nove da mañá ata as seis da tarde. E continuará na mañá do sábado 16 na sede do COPG.
Trátase dun importante encontro profesional no que se porá o foco na importancia de integral a visión bio-psico-social nas políticas de saúde e na cooperación entre os distintos perfís profesionais implicados. Unha necesidade de colaboración interdisciplinar que se materializa na participación de profesionais da medicina de familia e comunitaria, así como de pediatría en atención primaria, dentro do programa desta Xornada.
FOMENTAR A SAÚDE MENTAL
Na mañá do sábado 16 de maio, o catedrático Antonio Cano Vindel, presidente da Sociedade Española para o Estudio da Ansiedade e o Estrés, e Paloma Ruiz Rodríguez, médica especialista en medicina de familia do Servicio Madrileño de Saúde, ofrecerán un curso sobre o Protocolo PsicAP para o tratamento dos trastornos emocionais, xa que ambos son investigadores deste ensaio clínico.
Tal e como sinala a Organización Mundial da Saúde, a saúde mental é unha parte integral da saúde, e non pode haber saúde sen saúde mental. Por iso, as políticas de saúde mental non deben ocuparse unicamente dos trastornos mentais, senón tamén de recoñecer e abordar cuestións máis amplas que fomenten a saúde mental e cunha perspectiva intersectorial (desde a sanidade, pero tamén desde a xustiza, o ensino, os servizos sociais, etc.).
Tanto para o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia como para Agapir e a Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas, a prestación de atención psicolóxica nos servizos de atención primaria é unha cuestión urxente, cunha eficacia probada e contrastada e que terá unhas repercusións considerables na saúde mental e, polo tanto, na saúde e no benestar da poboación.
MÁIS ATENCIÓN ESPECIALIZADA
Así mesmo, cómpre incrementar as contratacións de facultativos especialistas en psicoloxía clínica para a atención especializada en Saúde Mental, xa que actualmente traballan 94 psicólogos/as clínicos/as no Sergas, o que ten como consecuencia, entre outras, que existan dispositivos sen psicólogos/as clínicos/as, como o Hospital de Día de Santiago de Compostela, ou nos que non se cobre a dotación mínima precisa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.