Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 24/06/2018 | Actualizada ás 22:00
En 1940, apenas rematada a Guerra Civil española, e xa baixo a ditadura fascista, poñíase en marcha o Plan Xeral de Repoboación Forestal de España, polo que se prevía a forestación de 5.679.000 hectáreas no prazo de cen anos. O plan fora redactado polos enxeñeiros de montes Joaquín Ximénez de Embún e Luís Ceballos, en Soria, en xaneiro de 1939, en pleno conflito bélico. A repoboación forestal ía ser un dos grandes piares propagandísticos do réxime franquista, canda a construción de encoros ou a política de regadíos. Así, até 1972, o total repoboado ascendeu a 2.658.700 hectáreas, o 46% aproximadamente do planeado; extensión que aumentou a máis de 3,5 millóns de hectáreas de bosques ata os anos oitenta. Pero ao tempo que os montes se repoboaban con especies como piñeiros ou eucaliptos, tallábanse en masa bosques autóctonos. Décadas despois, comezamos a pagar o prezo de tan desafortunada e desastrosa política forestal do franquismo: os incendios incrementáronse e convertíronse nunha sorte de epidemia. Agora, por vez primeira, un estudo científico relaciona positivamente aquel plan de forestación co aumento dos incendios en España e, particularmente, en Galicia e na franxa cantábrica.
A existencia dunha relación causal entre o aumento de incendios e a forestación levada a cabo en España durante a ditadura e os inmediatos anos posteriores xa fora suxerida por moitos estudos, pero sempre en termos cualitativos. Non había até o de agora estudos que tentasen medir unha posible relación estatística entre estas variables. Isto é o que resolveron os investigadores da Universidad de Zaragoza.
"A evidencia mostra unha relación positiva significativa entre os incendios forestais e as hectáreas reforestadas, especialmente 30-35 anos despois das plantacións".
Iñaki Iriarte Goñi, profesor do Departamento de Estructura e Historia Económica y Economía Pública, e María Isabel Ayuda, do Departamento de Análisis Económico, asinan este traballo, cuxos resultados veñen de publicarse na revista científica Land Use Policy co título 'Should Forest Transition Theory include effects on forest fires? The case of Spain in the second half of the twentieth century'. Nel, analizan o aumento da superficie forestal cuberta por árbores en España na segunda metade do século XX á luz da teoría da transición forestal e exploran a existencia dunha relación estatística entre este proceso e os incendios forestais.
O estudo describe a política de forestación baseada en novas plantacións forestais planeadas pola ditadura de Franco e que se estendeu desde 1940 até 1988, relacionándoa estatísticamente cos incendios forestais que ocorreron no período 1968-2002, co fin de determinar, a nivel provincial, até que punto aquelas repoboacións afectaron posteriormente as hectáreas queimadas nos lumes forestais.
"A evidencia mostra unha relación positiva significativa entre os incendios forestais e as hectáreas reforestadas, especialmente 30-35 anos despois das plantacións", conclúen os investigadores en base aos datos estatísticos.
Máis detalladamente, describen: "A evidencia proporcionada neste documento mostra que as transicións forestais desenvolvidas na segunda metade do século XX poden ter, nalgunhas circunstancias, efectos negativos inesperados na propagación dos incendios forestais. De feito, no caso de España existe unha relación positiva e estatisticamente significativa entre os incendios forestais e as hectáreas reforestadas no período 1968-2002. Esta relación xorde se consideramos a forestación media levada a cabo nun período de entre 25-35 anos antes da ocorrencia do incendio, é dicir, un período no que as masas plantadas alcanzan a madurez e están preto da súa idade de talla".
Os científicos atoparon que a relación positiva entre incendios e hectáreas repoboadas co plan franquista aumenta nas provincias do noroeste do Cantábrico e do Atlántico.
MAIOR EVIDENCIA NO NOROESTE
Para desenvolver o traballo, recompilaron datos sobre forestación, incendios forestais e outras variables de control para todas as provincias de España, agás Áraba e Navarra, xa que os datos proporcionados polas estatísticas en ambos os casos son parciais.
Por áreas xeográficas, os científicos atoparon que esta relación positiva entre as hectáreas repoboadas baixo o plan forestal franquista e os incendios aumenta cando o modelo se implementa exclusivamente para as provincias do noroeste do Cantábrico e do Atlántico (Galicia), especialmente afectadas polos programas de forestación.
"Nas provincias do norte, o efecto aparece antes (no período 20-25 anos despois da plantación o efecto é positivo aínda que non significativo) e tamén se reforza a medida que o tempo avanza tras o lapso de tempo 30-35. Isto non significa que a repoboación forestal se poida considerar sistematicamente como a causa principal dos incendios forestais, senón simplemente que se queimaron máis hectáreas anualmente naquelas provincias onde se plantaron máis bosques forestados entre 25 e 35 anos antes de que ocorresen os incendios", explican os responsables da investigación.
As plantacións monoespecíficas e as especies elixidas para desenvolver programas de forestación "deron como resultado unha alta inflamabilidade do bosque creado".
Polo tanto, a reforestación deseñada polo franquismo tivo un "efecto perverso", segundo os profesores da Universidad de Zaragoza, para os que esta causalidade entre o plan de repoboación e as hectáreas ardidas se atopa en tres aspectos complementarios do proceso.
O primeiro, sinalan, está relacionado coas plantacións monoespecíficas —os monocultivos— e as especies elixidas para desenvolver programas de forestación que, en conxunto, "deron como resultado unha alta inflamabilidade do bosque creado". Así, "a política de proxectos de forestación a grande escala que se implementou durante a ditadura de Franco favoreceu algunhas especies de coníferas de rápido crecemento que representaban un alto risco de incendios", en particular, sinalan os autores, os piñeiros, que "cun índice de inflamabilidade de entre 6 e 7 sobre 10" e que "se utilizuaron no 49.8% das terras reforestadas entre 1940 e 1970, e continuaron sendo utilizados en máis do 40% da terra ata o final da década de 1980". Doutra banda, sinalan que tanto a forestación con piñeiros como con eucaliptos se levou a cabo mediante a "creación de grandes masas dunha soa especie, o que reduciu a diversidade de bosques, constituíndo un factor importante para a propagación dos incendios".
No programa de forestación franquista, "a cantidade de árbores era moito máis importante que a calidade dos bosques".
O segundo aspecto que destacan está relacionado cos obxectivos económicos dos programas de forestación, xa que "os poderes económicos e industriais estaban interesados en plantar especies de crecemento rápido ou mediano cubrindo grandes áreas, máis adecuadas para aumentar a explotación madeireira ou protexer as grandes reservas de auga construídas no mesmo período". En termos xerais, estes criterios económicos do franquismo deron lugar a un programa de forestación no que "a cantidade de árbores era moito máis importante que a calidade dos bosques". Os investigadores consideran tamén "posible que o interese económico para controlar os mercados de madeira poida estar directamente relacionado coa ocorrencia de incendios, aínda que esta hipótese debe ser confirmada con máis investigación".
O terceiro aspecto complementario é, para estes autores, "probablemente o máis importante e está relacionado co marco político autoritario dentro do cal se desenvolveron os programas de forestación", xa que "a ditadura impuxo transformacións de grande alcance en moitos espazos rurais sen ter en conta as persoas que viven nestas terras, o que provocou disfuncións que afectaron os incendios forestais".
"Os críticos afirman que a estratexia de forestación que se seguiu xerou plantacións de baixa calidade que conduciron a unha redución da biodiversidade e un aumento na probabilidade de ser atacados por factores patóxenos como pragas e lume. O noso estudo, que destaca a relación entre as accións de forestación e as hectáreas queimadas, corrobora esta crítica", expoñen os profesores da Universidad de Zaragoza.
Con todo, os autores do estudo advirten de que o seu traballo "non pretende ofrecer unha visión completa da causalidade dos incendios forestais, senón simplemente combinar algunhas das variables que a literatura considerou importantes nesta causalidade, introducindo a repoboación forestal como outra variable, co fin de avaliar o efecto específico que isto puido ter". Dito doutro xeito, o seu obxectivo non é explicar as causas dos incendios forestais, senón analizar o papel que a repoboación forestal puido desempeñar neles.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.