BNG e En Marea piden a dimisión do alcalde de Sanxenxo pola condena á empresa da que foi socio

Pontón ve "unha querenza por estafar" no PP e a formación instrumental tacha a este partido de "pozo de corruptelas".

Por E.P. | A CORUÑA | 15/06/2018 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

O BNG e En Marea esixiron ao presidente do PPdeG e titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, a dimisión do alcalde de Sanxenxo (Pontevedra), Telmo Martín, despois de que a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo ratificase a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o cobro de sobreprezos por parte da promotora Construcuatro, da que foi socio.

Telmo Martín González, deputado por Pontevedra
Telmo Martín González, deputado por Pontevedra | Fonte: Europa Press

En concreto, foi na venda de pisos no barrio vigués de Navia. O fallo do Supremo confirma que a empresa debe pagar a sanción de case 2,5 millóns de euros imposta pola Xunta, así como devolver máis de 1,2 millóns aos propietarios prexudicados.

En declaracións aos xornalistas, coincidindo coa súa visita ao proxecto de economía social de 'Mulleres Colleiteiras' en Oleiros (A Coruña), a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou que a sentenza "confirma que o señor Telmo Martín cometeu fraude a 62 familias na venda de vivendas de protección oficial".

"É unha sentenza que corrobora que a empresa do alcalde de Sanxenxo estafou na venda de vivendas de protección oficial", recalcou Pontón. Na mesma liña, subliñou que a orixe desta denuncia non correspondeu a unha "actuación do PP", senón aos veciños, e que foi o BNG, co entón bipartito no goberno galego, quen "a tramitou".

Para a dirixente nacionalista, esta sentenza confirma tamén "que no PP hai unha especie de querenza por estafar". Por outra banda, preguntouse "canto tempo vai tardar" o presidente da Xunta "en reclamar a dimisión do alcalde de Sanxenxo", do que dixo que non pode seguir "nin un minuto máis" á fronte da Alcaldía.

"Se Feijóo quere ocupar a vacante de Rajoy, debería facer os seus propios deberes en Galicia", dixo apelando á "rexeneración política".

"CESAMENTO INMEDIATO"

Mentres, En Marea tamén esixiu a Feijóo "o cesamento inmediato" de Telmo Martín "ante o feito gravísimo de especular ilegalmente con vivenda protexida". "O PP debe de asumir responsabilidades", sinalan nun comunicado no que advirten que se Feijóo "ampara ao alcalde de Sanxenxo, será continuador da historia de corrupción do PP".

"A Xunta non pode tolerar e avalar, como fixo no pasado, os negocios escuros de Telmo Martín", engaden. Por outra banda, para En Marea este fallo ratifica que o PP sigue sendo "un pozo de corruptelas". "É preciso estirpar da vida política os comportamentos corruptos e este é un deles, tratando de facer negocios ilegais con vivenda pública protexida", apuntan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta