Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/06/2018 | Actualizada ás 16:34
O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), dirixiu un estudo para indagar nas primeiras pegadas do Antropoceno, unha nova era xeolóxica, en Galicia. A investigación realizouse a partir da análise de sedimentos de tres rías galegas -Ares, Betanzos e Cedeira- e os resultados, que se comezaron a presentar en revistas científicas do JCI como Estuarine, Coastal and Shelf Science, relevan que estas primeiras pegadas datan nos tres casos de mediados do século XX.
“En 2016, o Antropoceno foi proposto como unha nova era xeo-estatigráfica na cal o ser humano se converteu nun factor global que afecta a todos os ecosistemas. Os sedimentos nas zonas internas das rías galegas, isto é, a súa parte estuárica, gardan memoria do que acontece nas súas concas e conteñen información de cando os procesos naturais de mesturan cos xerados pola actividade humana”, explica Ricardo Prego, profesor de investigación no CSIC e xefe do Grupo de Bioxeoquímica Mariña do IIM.
Neste contexto, o grupo de investigación do CSIC deseñou un estudo pioneiro para coñecer como estaba ese tema nas rías galegas, co fin último de avaliar e observar se os signos da pegada do Antropoceno estaban presentes en sedimentos galegos e desde cando. O estudo desenvolveuse no marco do proxecto de investigación MEFIO (2012-2015), financiado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade. Contou coa colaboración de persoal de dous grupos de investigación a Universidade de Vigo –Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental–, do Instituto Portugués do Mar e a Atmosfera, do Laboratorio de Radiacións Ionizantes (Universidade de Salamanca) e do Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Ambiental (Universidade do Porto).
A metodoloxía empregada para levar a cabo o estudo incluíu recollida de mostras de sedimentos en zonas con baixas poboacións e baixas taxas de industrialización nas rías de Ares, Betanzos e Cedeira para a súa posterior análise nos laboratorios do IIM (Vigo).
“As zonas internas das rías, onde a influencia fluvial é maior, son idóneas para buscar a traza antropoxénica e dispoñer así dun rexistro histórico do que ocorreu durante o último século. Poderíase dicir que os seus sedimentos «teñen memoria», sempre que non fosen removidos, do impacto humano na contorna”, explica Ricardo Prego, quen engade que “a partir de mediados do século XX moitos estuarios mariños en todo o planeta se viron afectados polo aumento de poboación e industria”.
“O estudo puxo de relevo que as tres rías galegas proporcionan unha referencia de fondo para contidos naturais no sedimento en base aos resultados datados antes de 1961 en Ares e 1940 en Betanzos, sendo Cedeira a menos alterada, aínda que hai que ter presente que a litoloxía da súa conca é diferente debido á influencia do complexo xeolóxico de Ortegal”, apunta Prego.
Os investigadores interpretan que “na ría de Ares o principal impacto antropoxénico xorde coa construción dos encoros no río Eume, e só as partículas máis finas chegan á ría pero o fluxo de metais duplícase; na de Betanzos obsérvase o impacto da construción da ponte do Pedrido, o aumento do trafico rodado e unha crecente urbanización, sendo o resultado que a taxa de sedimentación se cuadriplicase; e na Cedeira soamente mostra a transición dunha conca agrícola a madeireira pola maior chegada de materia orgánica á ría”.
O estudo dos tres casos serviu para confirmar que a era do Antropoceno, á espera de ser formalmente definida, tería o seu reflexo en Galicia, datando nos sedimentos mariños de mediados do século XX e coincidindo co desenvolvemento posterior á Guerra Civil española.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.