Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2018 | Actualizada ás 15:18
A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, advertiu de que, despois de avisar con tres meses de antelación, "agora si que toca mandar a notificación pertinente coa sanción que hai que levar a cabo" a propietarios de monte que non cumpra coas denominadas franxas de seguridade contra incendios, de 50 metros ao redor das casas e as estradas.
A titular do departamento autonómico visitou unha zona da Laracha (A Coruña) este martes cunhas 100 parcelas e onde "só cinco casos non actuaron en tempo e forma". Así, identificou neste punto un "exemplo do que hai que facer", e incidiu en que "agora hai que tomar as medidas" que corresponden para os donos das leiras sen limpar. "Se hai vontade, pode facerse", destacou a responsable de Medio Rural, valorando a actitude de concellos e distritos. "Agora queda que haxa vontade por parte dos propietarios", engadiu.
Deste xeito, aínda que subliñou que "non se trata de sancionar" senón de "concienciar", sinalou que "despois de avisar con tres meses de antelación, se por parte do propietario do monte non hai resposta, agora si que toca mandar a notificación pertinente coa sanción que hai que levar a cabo". "Do que se trata é de gardar as distancias", engadiu, para explicar que a idea non é que haxa que "arramplar con todo", senón "gardar as distancias nas especies que propagan máis o lume" e que poden propagar lumes de copa: eucaliptos, piñeiros e acacias, segundo enumerou.
"Tal e como puidemos comprobar, todo o que son frondosas quedan á beira das estradas porque non son estas as que propagan e é árbore autóctona e ademais necesitámolo para sombras", chamou a atención. Ángeles Vázquez resaltou que "se está actuando nos núcleos, ao redor das casas" e apuntou a "moitos máis exemplos" na provincia coruñesa e no resto de provincias. Segundo agregou, "tamén se está facendo o levantamento en 290 hectáreas de plantacións irregulares", que son aquelas de carácter agrario nas que "nun momento determinado plantaron eucaliptos ou piñeiros".
ATÉ 31 MILLÓNS E 6 PARA A FEGAMP
Ao seu xuízo, "as medidas preventivas son fundamentais", polo que reivindicou que entre o pasado ano e esta a Xunta investiu 31 millóns de euros, segundo os seus datos, "só para clareos, podas e rozas á beira das estradas".
Por último, dixo seguir á espera de que a Fegamp traslade informe favorable para poder asinar un convenio con "outros 6 millóns". O obxectivo, segundo terminou, é "que en situacións con propietario descoñecido ou problema de herdanza póidase entrar directamente e non produza un accidente ir deixando matogueiras ou leiras que non cumpren coa lei".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.