Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/06/2018 | Actualizada ás 21:47
O Sergas resta importancia ao informe elaboradorado polo Defensor del Pueblo e a denuncia do Movemento Galego de Saúde Mental que cuestionan os métodos que se están aplicando no Hospital Psiquiátrico de Conxo, onde técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura identificaron sobremedicación de psicofármacos, inadecuada utilización da inmobilización de pacientes con sistemas de suxeición como castigo, carencia xeral de recursos asistenciais, instalacións obsoletas, infradotación de profesionais sanitarios básicos como son os psicólogos clínicos ou o inadecuado rexistro e documentación de actuacións.
En contestación á información publicada neste xornal, a Xerencia Integrada de Santiago púxose en contacto con Galicia Confidencial para indicar, segundo a súa versión, que "o ratio de persoal é axustado ás necesidades e singularidades do centro, dentro dos estándares consensuados." Por outra parte, subliña que "o centro experimenta constantemente obras de mellora e mantenemento".
Respecto ás suxerencias de mellora no informe do Defensor del Pueblo, a Xerencia asegura que "algunhas se basean en información incompleta sobre o funcionamiento do centro".
Con respecto a outras suxerencias, moitas índole administrativa, subliña que "no informe elaborado pola Xerencia xa se aclaran algúns conceptos e noutros casos maniféstase a vontade de asumir a mellora dalgunhas".
A Xerencia púxose en contacto con Galicia Confidencial para defender que "forma parte da dinámica habitual do funcionamento da organización a revisión periódica da medicación dos doentes ingresados" e, "como non podía ser doutro xeito, a pauta farmacolóxica é sempre indicada polo facultativo de cada un dos doentes". Deféndese así da advertencia dos técnicos que din que observaron sobremedicación con psicofármacos.
Por outra banda, e respecto á polémica sobre a suxeición dalgúns pacientes que denunciaron "castigos", a Xerencia argúe que "existe un procedemento corporativo consensuado polos profesionais, sobre contención mecánica, que nestes momentos está en revisión". NO obxectivo, segundo o Sergas, é “protexer ao doente das lesións que se puidese ocasionar a si mesmo e/ou previr que llas poida ocasionar a outros”.
Tamén defende que "a sedación química nas unidades de doentes problemáticos está clinicamente xustificada para evitar lesións e contencións, sempre procurando que a súa duración sexa a mínima posible".
Respecto dos doentes ingresados en unidades de longa estancia, a Xerencia explica que estes "teñen unha ampla oferta de actividades, como visitas a museos, excursións, ademais de cursos variados de música, informática, manualidades…. O único impedimento que teñen para participar nuns ou noutros son as propias limitacións físicas ou psíquicas do doente".
Subliña, ademais, que "a capacidade e o grao de dependencia dos doentes se reevalúa periódicamente" e xustifica que "os doentes que se manteñen nas unidades de longa estadía é porque non teñen capacidade de externalización".
Punto por punto, o Sergas vai así replicando o informe do Defensor del Pueblo e a denuncia do Movemento Galego de Saúde Mental. Na súa exposición, a Xerencia di que "na unidade residencial se manexan as dificultades de adaptación e se prepara aos doentes para a convivencia nun centro sociosanitario". E mantén, contra o que di o informe, que "os doentes poden realizar queixas e suxerencias, de feito as realizan e son estudadas para a súa posible resolución".
Tamén asegura que "cada doente conta cun expediente diferenciado cos expedientes legais e administrativos" e que "os modelos de internamento urxente dirixidos ao xulgado foron consensuados cos autoridades xudiciais"; con todo, asume que "se pode cambiar se se considera necesario"
Na resposta enviada a este xornal, o Sergas tamén explica que "se considera por parte dos profesionais que a sinatura do ingreso voluntario implica tacitamente que o psiquiatra o considera capacidado, do contrario o ingreso sería involuntario"; porén, aclara que "no futuro constará de xeito explícito a capacidade do doente".
Respecto dos informes semestrais que se dirixen ao xulgado, di que "sempre se acompañan de informes médicos que motivan a continuidade do doente". Por outra banda, destaca que "a Fiscalía realiza unha inspección anual e que xamais informou negativamente neste aspecto".
O Sergas sinala, ademais, que "as lesións se rexistran no programa Gacela de enfermaría e ademais tamén existe a posibilidade de facelo en Ianus (historia Clínica electrónica)". Estas dúas, engade, "son as ferramentas electrónicas cotidianas de todos os profesinais sanitarios en Galicia", pero "ademais existe outra opción para os traballadores sanitarios que é o SINASP na que se poden notificar os incidentes con dano e eventos adversos que poden producirse nas súas unidades".
Por último, no que se refire á falta dun sistema de videovixilancia, desde a Xerencia afirman que a súa instalación "estaba xa prevista e en fase de implantación nestes intres".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.