Por Galicia Confidencial | Viana do Castelo | 25/06/2018 | Actualizada ás 14:01
Case 2.000 postos de traballo e 138 millóns de euros de investimento. Iso é o que pode perder Galicia pola competencia que está exercendo un novo polo industrial do sector do automóbil que se está a instalar en Viana do Castelo, a menos de 30 quilómetros da fronteira galega.
De feito, no país veciño xa falan de que este "Plastic Valley" está atraendo a numerosas empresas galegas, pero tamén multinacionais. Alén das infraestruturas e man de obra cualificada e barata, o municipio tamén aplicou unha política fiscal máis favorable para atraer investimento, con exención de IMT (imposto municipal das transaccións) e de taxas municipais. "Non cobramos taxas e temos prezos de terreos convidativos", afirmaba recentemente José María Costa, rexedor de Viana do Castelo, en declaracións a medios portugueses.
O obxectivo é chegar ao final do ano con 150 empresas colaboradoras. Industrias de zapatos, cosmética, economía do mar e eólica están a instalarse xa creando 800 empregos e máis de 200 millóns de investimento. Gran parte destas industrias estarán operativas este ano e o resto ao final de 2019. O obxectivo de Viana é converterse no sexto maior concello exportador de Portugal vendendo para o exterior máis de 800 millóns, con base no volume de facturación que as empresas teñen previsto.
O PRINCIPAL OBXECTIVO: PSA-CITRÖEN
Pero o principal obxectivo deste polo industrial é captar ás empresas automobilísticas auxiliares de PSA-Citröen. O grupo francés ten previsto un investimento de máis de 600 millóns na súa plante de Vigo ate 2020 e lanzar unha nova gama de catro vehículos de Peugeot, de Citroën e de Opel. Por iso, as empresas de compoñentes comezaron xa hai algún tempo á procura de espazos para se instalar rexeitando os polígonos galegos pola súa falla de incentivos fiscais e, tamén, por unha man de obra máis cara. Algo que ofrecen en Portugal.
Por iso, as multinacionais non tardaron xa en instalarse en Viana. A francesa Bontaz prepárase para abrir un centro de desenvolvemento e prototipos na zona industrial de Lanheses, creando nos próximos catro anos até 900 postos de traballo.
E non é a única. A pasada semana foi a vez da xaponesa Howa Tramico, cun investimento de cen millóns e máis de cen empregos. Tamén a francesa Eurostyle Systems vai investir en dúas novas fábricas, creando até 2019 máis de 200 empregos, e a tamén a francesa Steep Plastique prepárase para aportar 50 millóns até 2021, creando 250 empregos na nova fábrica, que arrinca no outono.
GRANDES OPERADORAS DO TRABALLO TEMPORAL
Tal é o clima favorable de investimentos na zona que mesmo está a atraer tamén a grandes operadoras do mercado do traballo temporal, como Randstad, que xestionou a contratación do persoal dun call center que Altice acaba de abrir na zona para servir operadores de lingua francesa do grupo.
"O municipio identificou o potencial do proxecto como unha oportunidade de traer novas actividades para a cidade, diversificando a oferta e permitindo volver ao mercado de traballo un conxunto de persoas que se atopaban en situación de desemprego", apuntou Pedro Empis, business director de outsourcing da Randstad no xornal Dinheiro Vivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.