Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/07/2018 | Actualizada ás 14:00
844 millóns de euros malgastados entre os anos 1995 e 2016. Ese é o total dos cartos dilapidados en Galicia en grandes infraestruturas con investimento público. Case a metade dese diñeiro dedicouse á Cidade da Cultura de Galicia, no Monte Gaiás (Santiago de Compostela). É o cálculo que fai para Galicia un estudo publicado no Boletín de la Asociación de Geógrafos Españoles, realizado por un equipo de investigadores de universidades de toda España e titulado 'Aproximación a la Geografía del despilfarro en España: balance de las últimas dos décadas'.
A Cidade da Cultura acumula case a metade do total malgastado en Galicia; polígonos industriais, auditorios ou autovías forman parte do conxunto do dispendio.
En concreto, o dispendio en Galicia distribúese do seguinte xeito: 400 millóns de euros na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), 127 millóns na Plataforma loxística PLISAN (Salvaterra), 105 millóns no Polígono industrial Porto do Molle (Nigrán), 90 millóns no Auditorio de Vigo, 80 millóns no Polígono industrial Arteixo/Morás, 22 millóns na Autovía AG-51 Salvaterra-As Neves e 20 millóns no Auditorio de Lugo.
No que se refire aos cartos tirados pola Administración central no Estado, os expertos sitúan o malgasto en 45.920,5 millóns de euros, aos que hai que engadir os dispendios por autonomías, entre as que destaca Cataluña, con 9.160,5 millóns de euros malgastados, seguida por Madrid, con 7.723,1, e Comunidad Valenciana, con 5.936.
A continuación aparecen Aragón (2.978 millóns), Andalucía (2.657,2), Asturias (2.380,1) e Castela-A Mancha (1.530), por enriba de Galicia, que ocupa o oitavo posto. Estremadura é onde menos malgasto houbo, con 13,4 millóns.
En total, os investigadores contabilizaron, entre investimentos da Administración central e das autonómicas e locais 80.526,6 millóns de euros malgastados en grandes obras.
O Estado malgastou 26.240,6 millóns de euros na alta velocidade, dos cales 4.962 son de sobrecustos da liña Valladolid-Santiago de Compostela.
MALGASTO NAS LIÑAS DE ALTA VELOCIDADE
No apartado do malgasto da Administración central destaca o dispendio en liñas de alta velocidade de ferrocarril, que ascende a 26.240,6 millóns de euros, dos cales se asignan á liña Valladolid-Santiago de Compostela 4.962 millóns.
"Da liña Madrid-Galicia destacan os sobrecustos producidos nas contornas de Zamora e de Ourense, a complexa situación en Valladolid –que igual que noutras cidades, se confiaba nunha operación inmobiliaria para financiar o soterramento: resultando un desfasamento de 404 millóns– ou a última xurdida en decembro de 2016 polo proxecto de construción dun apeadeiro na pedanía zamorana de Otero de Sanabria, con 26 habitantes", detallan os autores do estudo.
UNHA PRIMEIRA APROXIMACIÓN Á XEOGRAFÍA DO MALGASTO
O traballo, segundo os autores, "pretende ser unha primeira aproximación á dimensión do malgasto de recursos públicos en infraestruturas en España desde 1995 ata a actualidade nos distintos niveis de goberno".
Os investigadores analizaron, por unha parte, o investimento e os sobrecustos no que consideran "infraestruturas innecesarias" impulsadas e executadas pola Administración Xeral do Estado no ámbito das súas competencias, e doutra, "infraestruturas, proxectos, eventos e investimentos errados, baleiros ou infrautilizados" acometidos polas Comunidades Autónomas e os gobernos locais.
Aínda que a estimación total é duns 81.000 millóns de euros "comprometidos de forma inadecuada" entre 1995 e 2016, a cifra é "inferior ás cantidades realmente malgastadas".
"Falamos de infraestruturas, equipamentos culturais ou científicos, parques e cidades temáticas ou investimentos para acoller grandes eventos. En todos os casos, a partir de cantidades comprometidas superiores aos 10 millóns de euros. Non se inclúe, por tanto, a totalidade dos investimentos, agás algún exemplo moi significativo de sobrecusto nalgún investimento en hospitais ou centros educativos polo seu desproporcionado volume de gasto público, pero entendemos que pode axudar a dispoñer dunha primeira idea de conxunto sobre o alcance do problema e unha certa perspectiva territorial. Con todo, o traballo concibiuse como unha primeira aproximación inicial, un texto aberto que convida a proseguir con futuras investigacións dada a complexidade do seu estudo, os problemas metodolóxicos que expón e a escaseza de información oficial actualmente dispoñible", argúen os autores.
Por isto, aínda que a estimación total neste estudo é de preto de 81.000 millóns de euros "comprometidos de forma inadecuada" durante o período 1995–2016, esta cifra é, ao seu xuízo, "inferior ás cantidades realmente malgastadas". "En primeiro lugar, porque soamente se seleccionaron determinadas áreas"; en segundo lugar, porque "non se inclúen todos os proxectos errados e inútiles con orzamento inferior a 10 millóns de euros", e en terceiro lugar, porque "hai compromisos de gasto público en actuacións innecesarias ou con sobrecustos elevados, xa acabadas, que supoñen ao redor de 20.000 millóns de euros adicionais nos próximos anos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.