Por E.P. | VIGO | 28/06/2018 | Actualizada ás 13:03
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), afirmou este xoves que o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, decidiu non competir pola presidencia nacional do seu partido e quedar en Galicia porque "ía levar unha castaña como a copa dun pino".
Así o sinalou durante a súa intervención no coloquio posterior a un almorzo organizado en Vigo por Forum Europa, no que os asistentes lle preguntaron a súa opinión sobre a decisión de Feijóo de non ser candidato a presidir o PP.
Segundo apuntou o rexedor pontevedrés, o presidente galego "dixo que quedaba para cumprir os seus compromisos con Galicia", algo que cuestionou posto que os 'populares' "ocupan o poder, pero plantexamento de futuro para Galicia non teñen ningún".
"Non se foi alá (a Madrid) porque ía levar unha castaña coma a copa dun pino. O PP nacional está como está, e dentro é unha gaiola de grilos. Logo escapóuselle que, se cadra, marcha en 2020, pero agora mesmo sería de tontos", sentenciou Fernández Lores, quen engadiu que Feijóo "tonto non é".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.