Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2018 | Actualizada ás 14:29
O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, non ten dúbidas de que o Partido Popular (grupo maioritario con doce deputados) e Manuel Martínez teñen un "conchabeo", que se traduce en converter os plenos "nun circo". É por esta "estraña" alianza que Campos denuncia que os populares e o agora deputado non adscrito tratan de converter os plenos provinciais, tamén, nun "espectáculo".
E é que no último pleno, tanto o PP como Manuel Martínez votaban conxuntamente para devolver competencias que tiña a xunta de goberno socialista (en minoría con dez deputados) ao pleno, onde populares e Martínez contan con maioría --doce máis o non adscrito, o BNG saíase do goberno e ten dous deputados, para o total de 25 con que conta a cámara provincial--.
"Nese aspecto é manifesto ese conchabeo que hai entre o Partido Popular e o deputado non adscrito", subliñou. Contrapón a iso o traballo que realiza o goberno provincial e reiterou este xoves que a deputación é "o motor económico e social da provincia". "Somos os que máis obra pública licitamos, os que máis investimos en deporte, máis emprego xeramos e iso está demostrado. A nivel de xestión é impepinable que somos a administración que máis presenza ten na provincia", presumiu.
OS PLENOS, UN "CIRCO"
No entanto, Campos recoñece que os plenos se converteron "nun circo, un espectáculo e o que pido é que cada un teña dignidade política, porque estamos aquí para representar aos veciños e para mellorar as súas condicións de vida e é para o que eu estou aquí", asume.
Campos, ao ser interpelado sobre se detrás dese circo está Martínez e o PP, respondía cun lacónico "branco e en botella", para despois censurar, seguidamente, que o tamén alcalde de Becerreá "o que busca é protagonismo no pleno". "E é ao que esta xogando, a ser protagonista", reprochou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.