Piden relevar ao fiscal do caso 'Miguelianos' por unha "aberración xurídica"

Culpan ao que era capelán da Orde de realizar unha "denuncia camuflada" a través do informe "ilegal" dun detective.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2018 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

Cinco sacerdotes pediron publicamente ao fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, "que o fiscal Juan Pablo Martínez sexa inmediatamente relevado do seu cargo, sexa sancionado conforme ao dereito e o seu escrito de acusación sexa retirado" respecto ao denominado caso dos 'Miguelianos', aberto contra o fundador da asociación Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo, Feliciano Miguel Rosendo, por supostamente liderar unha "seita destrutiva". Estes sacerdotes enmarcan este caso nun novo episodio da longa historia de persecucións que se viviron no seo da Igrexa católica nos seus 2.000 anos de existencia.

Consagrados dos Miguelianos dan unha rolda de prensa
Consagrados dos Miguelianos dan unha rolda de prensa

Os cinco curas coñeceron o funcionamento de Orde e Mandato e defenden a necesidade de "pararlle os pés" ao fiscal do caso, Juan Pablo Martínez, que presentou un escrito de acusación que tacharon de "aberración xurídica" contra sete persoas por considerar ao fundador da organización autor de 21 delitos polos que debe ser condenado a 66 anos de prisión, algo que cualifican de "intolerable nun estado de dereito".

En concreto, estes sacerdotes son Juan Luís Castón, Eduardo Lostao, José Ignacio Martín, Telmo Lago e Héctor Ramírez. Excepto este último, o resto compareceron este xoves en rolda de prensa en Pontevedra para testemuñar que a Orde era "era perfectamente normal, dentro da doutrina e as prácticas da Igrexa católica".

UNHA TRAMA "CORRUPTA"

Ademais, aseguraron que se chegou até aquí por unha "trama corrupta" que comezou fai cincos anos por parte dun grupo de sacerdotes que "decidiron acabar con Miguel Rosendo e a Orde e Mandato". Detrás de todo iso sitúan a Isaac de Veiga, que no seu día era capelán da asociación e na actualidade exerce no centro penal da Lama, e a varios curas do Opus Dei. Aínda que afirman que a cúpula da Obra non ten ningunha responsabilidade, si manteñen que na actualidade está a ser "cómplice" da persecución, na que xoga un papel importante o fiscal ao que identifican como membro desa prelatura da Igrexa católica.

UN INFORME "ILEGAL"

Os denunciantes manteñen que todo o proceso xudicial se iniciou cunha "denuncia camuflada" de Isaac de Veiga a través do informe "ilegal" dun detective, ademais de que o escrito do fiscal é, ao seu modo de ver, "unha réplica desa denuncia" feita "con deliberada mala fe" e que "falsea os datos para facelos encaixar no esquema dunha seita destrutiva e despersonalizadora".

Concretamente, afirman que a Regra Migueliana, a que, segundo o fiscal, utiliza Miguel Rosendo para anular a vontade dos membros de Orde e Mandato, "só contén principios elementais da doutrina católica", de modo que "eses membros do Opus Dei están a levar a xuízo á Igrexa católica".

Finalmente, os sacerdotes pediron "liberdade e xustiza" para o fundador da Orde, un "home inocente" que leva 3 anos e 7 meses en prisión preventiva. "Miguel Rosendo non pode continuar en prisión preventiva cando hai evidencias de que o escrito de acusación é, simplemente, falso", concluíron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta