Por Telmo Martín | Pontevedra | 01/04/2011
Polos concellos da ría pasan todos os anos 1 millón de turistas. A maioría deles desprázanse a esta zona en coche. Polo tanto, non debería ser moi difícil convencelos de que noutros momentos do ano, cando a praia non é a súa prioridade, veñan a Pontevedra a gozar doutros valores como a paisaxe, o patrimonio, a oferta cultural e a gastronomía.
Temos 2 maneiras de chegar a estas persoas. Con estratexias de promoción mentres están a visitar os concellos da ría (esta é a fórmula máis barata e directa). Ou facendo promoción nas cidades onde viven de cotío. As dúas estratexias son complementarias e poden axudarnos a conseguir o obxectivo. Para chegar a máis xente sen que iso supoña un incremento importante do gasto, o Concello debería chegar a un acordo co maior vendedor de viaxes de España, que é El Corte Inglés. Así o fixeron outras cidades do norte de España semellantes a Pontevedra como Gijón, León, Oviedo, Avilés, Santiago, etc.
Pero para ter éxito hai que elaborar uns paquetes turísticos competitivos que inclúan hotel, gastronomía e oferta cultural. Outra iniciativa moi importante e que xa comentei en anteriores ocasións é a construción dun Parador Nacional de 5 estrelas no edificio de Facenda, na Ferrería. Aportaranos prestixio como destino turístico e, o que é máis importante, xerará un efecto chamada que beneficiará aos hoteis de menos estrelas, así como ao comercio e a hostalería en xeral. Mañá acabarei de explicar as estratexias para crear emprego falando dos tres parques empresariais que propoñemos.