Por Ángela Precedo | Santiago de Compostela | 06/07/2018 | Actualizada ás 09:00
A cidade de Split, en Croacia, acollerá durante os días 6, 7 e 8 de xullo a concentración dos mellores djs do mundo no festival ‘Ultra Europe’, que ven a ser a edición europea do principal festival mundial adicado á música electrónica, ‘Ultra Music Festival’, que se celebra en Miami. E, por primeira vez, dous galegos conseguiron ‘colarse’ nesta importantísima cita, André Vázquez e Pau D’Afonso, máis coñecidos por todo o seu público como Groove Amigos.
Ambos djs galegos, sen dúbida, aseguran estar vivindo “o seu mellor momento”. Neste senso, no último ano, a súa “paixón” pola música, tal e como eles a definen, levounos a visitar países como México, Ecuador, Finlandia, Polonia, Noruega, Alemania ou Estados Unidos, comunidade onde xa son habituais convidados na prestixiosa ‘Miami Music Week’, na que actuaron durante os últimos 5 anos.
Ademais, ambos sinalan qe a marca ‘Groove Amigos’ está “revolucionando a escena musical en España”, onde foron quen de posicionarse entre os mellores djs de música electrónica. Polo que respecta ao seu repertorio, Pau D'Afonso asegura que “a verdade é que cada actuación é diferente e a situación e o contexto tamén”, polo que “é difícil asegurar que temas vamos a poner”.
Con todo, Pau recoñece que, pese a non catalogarse nun estilo, de ter que facelo e decantarse por un, sería o EDM (Electronic Dance Music) --non é un xénero musical propio, bebe de moitos estilos, como o house, o hip-hop, o 'nu-rave' e ata o 'dubstep'; e diversas fontes sonoras, para crear diferentes produtos válidos para todos os públicos, cultivado por artistas da talla de Skrillex, Steve Aoki o David Guetta--.
En concreto, o turno destes dous djs galegos dentro do ‘Ultra Europe’ chegará o sábado 7 de xullo, día no que se codearán con artistas de talla mundial como David Guetta, Steve Angello, Hardwell e moitos outros. Deste xeito, segundo aseguran os propios djs, será a primeira vez que Galicia estará representada nun festival deste calibre, xa que, ademais de ser dos primeiros, xunto a Paco Osuna, serán os únicos españois en actuar na edición deste ano.
MARCA ‘GROOVE AMIGOS’
A marca ‘Groove Amigos’ leva máis de seis anos no mundo da música –dende o 2012--, cando se foron a vivir xuntos e comezaron a darle voltas á idea de actuar en conxunto, tal e como apunta Pau, mentras “rompían a cabeza para aportar algo diferente á escena”. Deste xeito, antes de comezar co proxecto como tal, “xa recorréramos varias discotecas de Vigo e arredores”, segundo garante o dj.
En concreto, o nome provén, por unha banda –a de ‘Groove’--, dun “tipo de son que nos gusta moito”, en palabras do propio Pau, que se refiera unha melodía “envolvente e con profundidade”; e pola outra –‘Amigos’--, da súa amizade, “algo máis que evidente”, segundo asegura o galego entre risas. Defínense a sí mesmos como “ambiciosos, inconformistas e soñadores”.
NOVOS PROXECTOS
Pau apunta, respecto dos novos proxectos que teñen estes djs entre as mas, que “estamos traballando no estudo durante os últimos meses, en diferentes temas que verán a luz próximamente”. Tanto é así que afirma que, “nestas últimas semanas, estiveron en contacto continuamente cos dous selos moi importantes da industria musical”.
Neste senso, mantense reservado, e dí que, “pese a que nos gustaría adiantar algún detalle, queremos sorprender a todos os nosos seguidores”, de maneira que mantén a incógnita. Ademais disto, Pau destaca que Groove Amigos forma parte da “producción artística” do ‘H2O Festival’ de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), un festival que o ano pasado reuniu a 10.000 persoas.
PROMOTORES DO ‘H2O FESTIVAL’
Os Groove Amigos tamén son os promotores dalgunhas das principais marcas e festivais de música electrónica en Galicia. Destacando, entre outros, o ‘H2O Festival’, que reúne a miles de persoas cada ano en Vilagarcía de Arousa, así como o ‘Midnight Paint Party’ ou o ‘Groovy Pool’.
Sobre a Festa da Auga de Vilagarcía, Pau asegura que para eles soe ser a actuación “máis emotiva” até o momento, xa que, pese a que todos os espectáculos “teñen algo de especial”, de ter que elexir, “sería este, por ser en Galicia e ser unha das festas nas que repiten cada ano” e que “vai crecendo pouco a pouco con nós”.
Finalmente, sobre a acollida que están tendo por parte dos receptores da súa música, Pau D'Afonso insiste en que, “aínda que sone a tópico”, o público para eles “éo todo, unha inxección de motivación a diario”. Por iso, considera que deben sentirse “moi afortunados dos seguidores” que teñen, xa que, “co seu apoio en redes sociais ou acudindo aos nosos concertos motívanos e danos forzas para seguir loitando polo noso soño”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.