Por Galicia Confidencial | O Grove | 16/07/2018 | Actualizada ás 14:39
A ría de Arousa ten un novo habitante: unha cría recén nada de arroaz (Tursiops truncatus). Un equipo do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con base no Grove, gravou esta fin de semana a fermosa escena na que se pode ver o novo exemplar canda a súa nai, á que os científicos xa tiñan identificada.
"Observouse un adorable arroaz recentemente nado nadando xunto a súa nai, unha femia residente na ría de Arousa, nomeada polos científicos do BDRI como G5. Este conmovedor momento foi capturado en fotos e vídeos", comunicou o BDRI.
Séverine Methion, investigador do BDRI e especialista nesta poboación, esperaba que G5 tivese unha cría este ano, baseándose nas observacións do ano pasado. A xestación destes animais dura aproximadamente doce meses, polo que xeralmente o apareamento e o parto ocorren no mesmo mes do ano.
Segundo o BDRI, a cría mide aproximadamente un metro e "non é moi hábil nin está afeita aos barcos", polo que piden ás embarcacións que navegan pola ría de Arousa que "reduzan a velocidade se ven golfiños preto para garantir a seguridade da cría".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.