Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/07/2018 | Actualizada ás 17:03
A institución do Valedor do Pobo iniciou os contactos para elaborar un estudio monográfico sobre a atención sociosanitaria á enfermidade mental en Galicia A valedora, Milagros Otero, iniciou a pasada semana as entrevistas con entidades do terceiro sector que traballan neste eido para coñecer as necesidades de enfermos, familias e traballadores. Tamén quere implicar as consellerías de Sanidade e Política Social para obter información sobre os recursos destinados ás persoas con enfermidade mental.
Para a valedoría "resulta imprescindible abordar unha análise ampla e transversal sobre a situación actual da atención á saúde mental en Galicia".
"A tramitación de diferentes queixas descubriu algunhas das carencias en canto a recursos materiais e humanos destinados a atender a estas persoas", lémbrase desde este organismo.
"A recente publicación do Informe do Mecanismo Nacional para la Prevención de la Tortura (MNP) del Defensor del Pueblo sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo veu reforzar a necesidade de investigar polo miúdo as necesidades do colectivo", expón a institución.
Como primeiro paso, a valedora do pobo mantivo un encontro co presidente e o director de FEAFES Galicia (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia). A perspectiva e valoración que fan as entidades das necesidades dos enfermos, dos familiares e das persoas que traballan con estas persoas resulta "fundamental" para a valedoría para a realización da análise global.
Esta mesma semana a institución dirixiuse ás administracións competentes para implicalas no proxecto. En concreto solicitou a colaboración das consellerías de Sanidade e Política Social, coa idea de obter información sobre os recursos destinados ás persoas con enfermidade mental “ante as inquedanzas que se nos están a trasladar con motivo das prestacións, tanto sanitarias como sociais, para atender a pacientes con enfermidade mental, e do informe do MNP”.
A investigación culminará nun documento que permitirá extraer conclusións firmes, documentadas e suficientemente motivadas sobre a atención sociosanitaria das persoas con enfermidade mental na nosa comunidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.