Novos títulos na USC: Enxeñaría Robótica e Xestión Cultural xa poderán cursarse no 2019-2020

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago decide ofrecer dúas novas titulacións, unha na Escola Politécnica Superior de Enxenería e outra na Facultade de Humanidades.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/07/2018 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago, na sesión celebrada este xoves en Lugo, aprobou os títulos de grao en Enxeñaría Robótica e Xestión Cultural, dúas novas titulacións que, logo dos oportunos trámites, impartirá no curso 2019-20 na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e na Facultade de Humanidades. Así o indicou o reitor Antonio López nunha rolda de prensa celebrada na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo e na que tamén participaron as vicerreitoras de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e de Titulacións, María Victoria Otero.

Na sesión do Consello de Goberno da USC este xoves
Na sesión do Consello de Goberno da USC este xoves | Fonte: USC

ENXEÑERÍA ROBÓTICA: DESENVOLVEMENTO DA AGROROBÓTICA

Estruturado en 240 créditos ECTS, repartidos ao longo de catro cursos académicos, o título de grao en Enxeñaría Robótica antóllase como unha oportunidade o desenvolvemento da robótica agrícola e agroforestal en Galicia. De feito, esta nova titulación da USC ofrece un
itinerario específico de 30 créditos ECTS orientado cara a agroRobótica. Entre as súas materias: Economía do Sistema Agroalimentario e Forestal, Agricultura intelixente, Robótica na agroindustria, Robótica aplicada ao medio forestal e natural, Plataformas robotizadas de uso agroforestal e Teledetección mediante drons e satélites. A USC propón que a oferta de matrícula deste grao sexa de 50 prazas.

XESTIÓN CULTURAL: DEMANDA CRECENTE

O novo grao en Xestión Cultural da USC é tamén un título singular do Sistema Universitario Galego que se impartirá na Facultade de Humanidades de Lugo, tamén a partir do curso 2019-20. Esta nova titulación, que ofrecerá 45 prazas de matrícula no primeiro curso e constará de 4 cursos académicos, que se poden seguir de xeito presencial ou semipresencial.

O obxectivo desta nova titulación é o formar a profesionais para satisfacer a crecente demanda rexistrada en Galicia de persoal cualificado e especializado en xestionar a cultura, elaboración e difusión de proxectos culturais e de conservación da cultura e do patrimonio. A formación de profesionais con capacidade crítica e comprensiva coa diversidade cultural, ademais de coas competencias de emprendemento que esixe o horizonte dixital nos ámbitos privado, público e mesmo no terceiro sector supoñen outros cometidos do grao en Xestión Cultural.

NOVOS MESTRADOS 

O Consello de Goberno da USC acordou tamén ampliar a oferta de mestrados universitarios para o curso 2019-20 con catro novas titulacións oficiais: Máster en Enxeñaría de Procesado de Alimentos, que se impartirá na Facultade de Ciencias de Lugo; Máster de Química na fronteira, entre a Bioloxía e a Ciencia dos Materias, que se ofertará na Facultade de Química; Máster en Psicoloxía, que se impartirá na facultade homónima, e o máster interuniversitario en Visión por computador, un título coordinado pola USC e no que tamén participan a UDC e a Universidade de Porto.

Así mesmo, a sesión ordinaria do Consello de Goberno serviu para a presentación e valoración do Código de Boas Prácticas na Investigación (CBPI) na USC, un documento no que se recollan pautas, principios e recomendacións aplicables a calquera tipo de investigación que se desenvolva en calquera disciplina científica no marco da Institución Académica. A aprobación da política de seguridade da información no ámbito universitario e de xestión de documentos electrónicos foron outros dos puntos aprobados nesta reunión. Unha sesión durante a que se entregaron tamén os certificados de Implantación de Sistemas de Garantía de Calidade. O decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, e o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Cuesta, recolleron os diplomas, acreditacións que, segundo o reitor, “proban o bo facer do persoal dos distintos sectores universitarios”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta