Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2018 | Actualizada ás 16:42
Os 'Fogos do Apóstolo' volven á capital galega a noite deste 24 de xullo, cun espectáculo multimedia formado por proxeccións audiovisuais con efectos 3D, música, efectos lumínicos e fogos artificiais. Nesta ocasión, a pirotecnia "terá unha maior relevancia que no pasado", segundo destacou hai uns días o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.
A responsable do espectáculo, Sheila Menéndez, e o director artístico, Javier García, destacaron como "novidade" a carga visual, que estará enfocada desde unha perspectiva "cinematográfica".
O espectáculo, que terá lugar na Praza do Obradoiro e estenderase desde as 23,30 horas até as 00,00 horas, empregará a "tecnoloxía máis punteira, para "pór en valor a tradición e a cultura" da cidade compostelá. Ademais, a responsable do evento apuntou que a parte pirotecnica requirirá uns 6.000 efectos de disparo e uns 360 quilogramos de pólvora.
O proxecto fará un percorrido narrativo que arrincará co traslado dos restos do Apóstolo, o descubrimento do sepulcro no Bosque de Libredom e o florecemento das distintas rutas de peregrinación. Tamén se mostrará a chegada das tropas de Almanzor e o incendio da igrexa prerrománica. Ademais, "verase crecer algúns dos edificios máis emblemáticos en 3D" e, en último lugar, converterá o Pazo de Raxoi nunha "festa".
A secuencia da festa dividirase en catro tempos, composto por música en directo da agrupación folclórica 'Cantigas e Agarimos' e unha "secuencia final moi intensa". O proxecto é "neutro en carbono", xa que "miden e compensan as emisións" para conseguir que o balance final sexa igual a cero.
'FOGOS PEQUENOS'
Doutra banda, xunto ao espectáculo do 24 de xullo, o Grupo Acciona tamén producirá os fogos artificiais do 31 de xullo, os coñecidos como 'Fogos Pequenos'. Como peche das festividades, o espectáculo pirotécnico lanzarase desde o Campus Sur e durará 18 minutos, cuns 4.900 efectos de disparo e 440 quilogramos de pólvora.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.