Feijóo após Casado

Núñez Feijóo leva nove anos gobernando en Galicia coa cabeza posta en Madrid. Non hai outra explicación a tanto xesto en clave mesetaria nin a tanta presenza innecesaria para un presidente da Xunta na capital do Reino. Mais foron as políticas aplicadas por Núñez Feijóo as que mellor demostran o seu obxectivo de acadar a Moncloa no momento acaído.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 30/07/2018

Comparte esta noticia
Lembremos que Alberto Núñez mercou xa como candidato á Xunta o discurso máis reaccionario no PP, aquel dirixido a minar as linguas cooficiais e a erixir o castelán como idioma dominante en cada curruncho da nación única. E así iniciou un acoso voraz e insólito sobre a base da mentira que, unha vez acadada a presidencia, proseguiu nunha auténtica cacería a toda canta norma puidese supoñer de apoio á lingua propia. O resultado desta estratexia que firmarían dende Martín Villa ata Aznar, é a situación calamitosa que vive o galego na actualidade. 
 
O presidente da Xunta aplicou una estratexia similar a calquera expresión cultural autóctona, desmantelando o tecido existente e eliminando ou rebaixando ata límites anecdóticos as accións de articulación, soporte e promoción de literatura, cine, teatro, música e demais artes en galego que haberían ser unha das obrigas esenciais do seu goberno. O obxectivo revélase nítido: a erosión do carácter identitario de Galicia nas súas distintas manifestacións. 
 
Na área da economía e o desenvolvemento, Feijóo someteuse dende un principio ás liñas xerais definidas por Madrid, renunciou a unha política industrial propia, intensificou o ataque ó medio e á paisaxe autóctona en beneficio de intereses privados moitas veces radicados na capital do Reino e desistiu de demandar novas transferencias que reforzasen o autogoberno entre as moitas aínda pendentes ou con potencialidade de xestionar dende Galicia. O resultado vese tamén con claridade: a continua perda de peso de Galicia respecto ao Estado tanto en poboación como en produción. 
 
Que outra explicación cabe para tanta desfeita fóra da intención de Feijóo de ofrecer ante Madrid unha imaxe de político “con visión de Estado”? Enténdase por “visión de Estado” esa particular interpretación de España como país uniforme, país del “a por ellos”, de la reverencia católica, de la fiesta nacional, del ¡hala Madrid!, del acento castizo, de las peinetas y la Legión, de las banderas rojigualdas en los balcones, imaxe que tanto gusta, por certo, a Casado.  
Alberto Núñez mantivo a bota opresora sobre Galicia durante estes nove anos agardando a súa oportunidade. Que finalmente chegou trala moción de censura de Pedro Sánchez e a dimisión de Rajoy como presidente do PP. Era o seu momento, ese día degoirado para o cal levaba traballando tanto tempo. E non se atreveu. Renunciou con todo a favor e en contra do anceio principal da súa vida. Velaí as bágoas que mollaban as súas meixelas. Choraba por ter que quedar! 
 
Non saberemos nunca o que tal ocorreu. Se foron os expedientes inculpatorios que lle tiñan preparados os seus compañeiros de partidos (menuda tropa!, que diría Rajoy); se foi o pánico a competir contra o clan aznariano; se foron as desfavorables expectativas electorais; ou se foi o cálculo frío do propio Feijóo. As razóns parecen importantes. 
 
Se Alberto Núñez renuncia para sempre á Moncloa (pasando por Génova), en teoría veríase liberado da dependencia que leva amosando estes nove anos e podería empezar a gobernar en clave autenticamente galega. Podería recuperar o consenso respecto da lingua e da cultura propias, (podería incluso celebrar o Día da Patria Galega, algo que non fai o seu partido dende hai cinco anos); podería deseñar unha política económica propia de desenvolvemento a partir dos recursos autóctonos; podería intentar captar competencias en materias clave de rede viaria, portos e aeroportos, telecomunicacións ou distribución territorial. Podería, en fin, gobernar como presidente de Galicia e non como delegado do goberno central. 
 
Ten outras opcións: unha obvia, a de renderse aos cantos de serea que lle chegan do sector privado. E outra, a de seguir agardando. Ver como se suceden os acontecementos no seu partido e co seu novo presidente. Tal vez a hora de Feijóo aínda non chegou; unicamente se adiou un tempo. 

Casado, Feijóo e Diego Calvo, na Coruña. Europa Press
Casado, Feijóo e Diego Calvo, na Coruña. Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego