Por Alberto Quian | O Grove | 08/08/2018 | Actualizada ás 14:00
As picadas de faneca brava (Echiichthys vipera) son unha das maiores ameazas para os bañistas no verán. Na praia da Lanzada —no concello do Grove— coñecen ben este problema, até o punto de que se fixo un estudo científico para avaliar os factores que infllúen na cantidade total de picaduras producidas por este temido peixe nunha tempada de verán típica. 1.005 casos analizados que suxiren, segundo os autores do estudo, que "a incidencia de picadas de faneca na costa noroeste de España é polo menos comparable á incidencia de picadas de medusas na costa mediterránea".
Os autores do estudo son científicos do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) en Vigo, da Asociación Ecoloxía Azul e da Unidade Marítima de Salvamento e Rescate da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil no Grove. Dos resultados do seu traballo infiren que "as picadas de faneca brava son un problema máis común do que informa a literatura ata a data".
O estudo, que se publica agora na revista científica Ecological Indicators, realizouse no verán de 2014, nos 2,7 quilómetros de lonxitude da Lanzada. En total, rexistráronse 1.005 picaduras desde o 1 de xullo ata o 13 de setembro. Utilizando esta información, desenvolvéronse modelos estatísticos para avaliar baixo que condicións ambientais hai máis riscos de picaduras.
Os resultados mostraron que as picadas de faneca brava son máis probables no extremo sur da Lanzada, o que, segundo os científicos, "apunta diferenzas na composición dos sedimentos ao longo da praia como un factor clave". De feito, a atención médica non foi homoxénea en todo o areal: atendéronse 517 casos no extremo sur, mentres que na área central, por exemplo, foron 215 casos.
Os investigadores tamén salientan que "a auga do mar máis quente e a temperatura do aire aumentan as posibilidades de picaduras", así como "a marea baixa". Ao contrario, as picadas "diminúen en condicións de forte vento meridional". E, como cabería agardar, tamén se incrementan con maior número de bañistas.
"Estes resultados suxiren que unha combinación de comportamento dos peixes e condicións climáticas favorables para os bañistas aumenta as posibilidades de sufrir un encontro accidental con fanecas bravas", conclúen os investigadores no seu traballo, titulado 'Environmental drivers of lesser weever stings on the northeast Atlantic coast (A Lanzada beach, Spain)'.
É por isto que os científicos advirten de que "a coincidencia entre o hábitat deste pouco coñecido peixe mariño venenoso, unha importante industria turística e a concentración da poboación na costa terá un impacto socioeconómico", polo que se recomenda aplicar un "sistema de vixilancia de praias apropiado e novas tecnoloxías similares ás utilizadas na praia da Lanzada" que "proporcionarían información para a prevención de picaduras de fanecas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.