Santiago achega a figura de Alejandro de la Sota, o arquitecto pontevedrés "obsesionado coa natureza"

A Alameda de Santiago acolle unha mostra do recoñecido arquitecto galego "moito máis coñecido fóra do país que en Galicia" que buscaba "transportar unha arquitectura tradicional e popular a unha arquitectura de autor".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/08/2018 | Actualizada ás 00:18

Comparte esta noticia

Simplificar a complexidade da súa arquitectura porque "os seus escritos son moi densos pero conteñen axiomas moi sinxelos" e achegalo á sociedade galega porque o pontevedrés Alejandro de la Sota é "moito máis coñecido fóra do país que en Galicia". Esa é a finalidade da mostra "Alejandro de la Sota 1913-1996", deseñada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que acolle a Alameda de Santiago e que poderá visitarse até o vindeiro día 19. 

Inauguración da exposición de Alejandro de la Sota na Alameda de Santiago
Inauguración da exposición de Alejandro de la Sota na Alameda de Santiago | Fonte: Galicia Confidencial

“Por que é máis patrimonio a vella cidade que unha praia ou unha paisaxe virxe?” dixo o arquitecto galego nunha entrevista sobre Arne Jacobson. Nesta, entre outras ideas, un pode profundar no “Ano Sota”. É dicir, no ano dedicado ao arquitecto da Casa Domínguez en Poio, do Pavillón municipal de Pontevedra, do Goberno Civil de Tarragona e da Central Leiteira Clesa en Madrid. Ou mesmo os Talleres Aeronáuticos de Barajas, xa que pontevedrés interesábanlle “os novos materiais” para poder crear “novas arquitecturas”.

Porque a Real Academia de Belas Artes Nosa señora do Rosario dedica este ano o “Día das Artes Galegas” ao arquitecto pontevedrés, expoñente dun racionalismo equilibrado que unía creatividade arquitectónica e simplicidade construtiva. Autor de edificios que combinan “un gran rigor xeométrico, con liñas claras e rectas, coa audacia nas estruturas”. 

A MOSTRA

Unha exposición que se inaugura a través de distintas aproximacións: os espazos para habitar, os espazos para a industria, os espazos civís, os espazos para a docencia e o mobiliario. E faino a través do seu ideario e dando a coñecer o seu proceso creativo "que se podería aplicar a calquera outra arte". Nun ideario no que hai unha idea forte: a idea de transportar unha arquitectura tradicional e popular a unha arquitectura de autor. Unha arquitectura de autor obsesionada pola natureza, por integrar a vivenda nunha contorna grazas a unha tecnoloxía que nolo permite porque, como dicía o arquitecto: “o que rexeita a natureza é a arquitectura mala, a natureza admite as xeometrías”.

No acto de inauguración participaron: o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a xerenta do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, e demais autoridades. O acto consistiu nun percorrido polos bloques temáticos da  exposición, a cargo dun rexedor acompañado polos organizadores da mesma. Tamén estivo Juan de la Sota, o fillo do arquitecto, que explicou aspectos da arquitectura do seu pai. "Estudiar a contorna, ver e entender", afirmou de la Sota cando relatou que as formas dunha silla deseñada polo arquitecto foran inspiradas polas "pinzas do moño da miña nai".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta