Galicia, a polo seu primeiro campionato europeo de fútbol gaélico

Os EuroGames 2018 buscan potenciar o fútbol gaélico entre os nativos e, xunto cos galegos, competirán os conxuntos nacionais de Bretaña, Francia, Alemaña e Occitania.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/08/2018 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

As Seleccións Galegas de Fútbol Gaélico --masculina e feminina-- afrontaron este martes as derradeiras sesións preparatorias antes de desembarcar a vindeira fin de semana nunha nova aventura internacional coa disputa na Bretaña do primeiro Campionato Europeo de Seleccións, que terá lugar no marco da programación do Festival Intercéltico de Lorient.

O EuroGames 2018 é o primeiro campionato de seleccións europeas que se celebra e contará, xunto co galego, cos conxuntos nacionais de Bretaña, Francia, Alemaña e Occitania, que neste caso participará só con equipo masculino. O torneo nace con afán de ter continuidade no tempo e coa intención de ir medrando e sumando máis equipos nas edicións seguintes. A súa organización foi posible grazas ao esforzo, o compromiso e o bo entendemento entre as diferentes federacións que reman conxuntamente cara un obxectivo principal: potenciar o fútbol gaélico entre os nativos.

As Seleccións Galegas lévanse preparando con intensidade para esta competición dende o mes de xuño, tras rematar a tempada de clubs e oficializarse as convocatorias finais. “Estamos con moita ilusión e ganas” -explica o adestrador dos homes Alexandre Sanmartín “Jano”- “pero é certo que se nota a tempada; a liga empezou en setembro e os xogadores levan practicamente un ano sen descanso polo que tivemos qua adaptar os adestramentos a esta circunstancia”.
Con todo”, aclara, “cremos que chegamos a este torneo cun bo equipo -que combina caras novas con outras máis veteranas- e a un bo nivel”.

A Selección Galega de fútbol gaélico, nos GAA World Games en Dublín.
A Selección Galega de fútbol gaélico, nos GAA World Games en Dublín. | Fonte: @GaelicoGalego

"NO SEU MELLOR MOMENTO"

Nisto coincide o tándem formado polos adestradores da escadra feminina, Pablo da Silva, e Santi Rodríguez, que consideran que “a Selección chega no seu mellor momento e nun gran estado físico  grazas a moito tempo de preparación”. Ambos destacan, ademais, o bo ambiente dun grupo que deportivamente conta coa experiencia de xogadoras que xa estiveron presentes en torneos importantes así como coa ilusión e as ganas de varias caras novas que darán moito que falar.

Para Jano “o obxectivo que nos marcamos é sempre o de dar todo o que hai dentro do campo e non marchar coa sensación de que se puido facer máis”. “Así mesmo” -engade- “tendo en conta que temos un equipo novo e que o próximo ano hai mundial, imos coa idea de que este torneo nos sirva para rodar ao máximo ata chegar a Dublín 2019”. Pola súa parte, Pablo da Silva e Santi Rodríguez aseguran, “sen ánimo de transmitir arrogancia”, que o obxectivo “é acadar a vitoria, ao tempo que nos preparamos para o mundial do ano que vén”.

“Queremos facer un bo papel e demostrar o enorme potencial das seleccións formadas por nativos, que ao fin e ao cabo é o que se busca con este europeo”, conclúen. No que coincide o corpo técnico tanto de rapazas como de rapaces é en que, a priori, o rival a bater será Francia, un combinado que xa se viu as caras con Galicia noutras ocasións con sorte dispar e que xa converteu este enfrontamento en todo un clásico. Os adestradores tamén destacan o alto nivel das seleccións Bretonas, que contan co aliciente de xogar na casa.

BRETAÑA

A expedición galega partirá este venres pola mañá cara Francia dende o aeroporto de O Porto ata onde viaxará nun autocar fletado pola Federación Galega de Fútbol. O campionato disputarase no campo anexo ao Stade du Monsoir, onde habitualmente xoga o FC Lorient. O EuroGames desenvolverase baixo un formato de liguiña a modo de fase previa, que terá lugar o sábado durante todo o día e que clasificará aos dou primeiros  para a gran final que se vai xogar o domingo a partir das 13.00 horas (masculino) e das 15.00 (feminino). Os partidos serán de 9 contra 9 e na fase previa terán unha duración de 12 minutos por parte en masculino e de 15 en feminino. As finais contarán con dúas metades de media hora.

As Seleccións Galegas viaxan cunha lista de 14 persoas convocadas por equipo. As listas son as seguintes:

Feminino
Leti (Fillas), Lucia (Estrela Vermella), Ánxela (Estrela Vermelha), Paula (Fillas), Lore (Herdeiras de Dhais), Sonia (Fillas), Laura (Fillas), Carme (Pontevedra), Alba (Auriense), Mery (Fillas), Naza (Herdeiras de Dhais), Laura Nercellas (Herdeiras de Dhais), Uxía (Estrela Vermelha) e Vane (Estrela Vermelha).

Masculino
Mancu (Irmandinhos), Julián (Fillos), Brais (Estrela Vermelha), Jacobo (Auriense), Juve (Irmandinhos), Bermejo (Estrela Vermelha), Kanario (Irmandinhos), Panzu (Irmandinhos), Santalla (Herdeiros de Dhais), Álex (Estrela Vermelha), Adriano (Estrela Vermelha), Couso (Estrela Vermelha), Leborán (Estrela Vermelha), e Víctor (Fillos).

Rajoy recibe a camiseta da selección galega de fútbol gaélico
Rajoy recibe a camiseta da selección galega de fútbol gaélico

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta