As correntes do BNG volven honrar por separado a memoria de Moncho Reboiras

A Unión do Povo Galego e o Movemento Galego ao Socialismo volven exhibir un ano máis as súas diferenzas, con convocatorias diferentes para homenaxear o sindicalista asasinado polo franquismo. División que se espallla a todo o ámbito nacionalista de esquerdas.

Por Galicia Confidencial | Dodro | 12/08/2018 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

Unidos baixo as mesmas siglas, pero separados cada 12 de agosto. A Unión do Povo Galego (UPG) e o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) volveron, un ano máis, a escenificar as súas fondas diferenzas no día que o nacionalismo e independentismo galegos homenaxean o sindicalista Moncho Reboiras, de cuxo asasinato a mans da policía franquista en Ferrol se cumpren 43 anos este 12 de agosto. 

Homenaxe a Moncho Reboiras
Homenaxe a Moncho Reboiras | Fonte: galiza.indymedia.org

Convocatorias diferentes e actos separados para un mesmo fin. Por un lado, a do Movemento Galego ao Socialismo, que chamou a acudir este 12 de agosto ao cemiterio de San Xoán de Laíño (Imo, Concello de Dodro) para celebrar un acto político de homenaxe "a quen levou o seu compromiso político até as súas últimas consecuencias, dando a vida por unha causa pola que seguimos a loitar".

Por outro, a da UPG, que proclama a súa "fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada [Reboiras] entregou a súa vida".

Dous actos no mesmo espazo, co mesmo fin e desde a mesma plataforma política —o BNG—, mais separados no tempo e tamén nalgúns ideais. O da UPG comezou ás 12 horas e o do MGS, unha hora máis tarde.

DIVISIÓN NO NACIONALISMO E INDEPENDENTISMO

Esta división para homenaxear a un sindicalista que loitou pola unidade popular galega espállase máis aló do propio BNG. Como aconteceu outros anos, as forzas do nacionalismo e do independentismo galego celebraron por separado cadansúa homenaxe a Moncho Reboiras.

Os primeiros foron os militantes da Frente Popular Galega (FPG), que adiantaron o acto a onte, sábado, ás 12.00 horas na praza do Toural de Teis, en Vigo, un lugar que Reboiras coñecía ben.

E este domingo chegouse ao cénit do paradoxo e o absurdo coas convocatorias por separado da UPG —que tamén convocou actos en Ferrol e Fene— e MGS, ademais do acto programado tamén por Agora Galiza, a "organizaçom socialista e feminista galega de libertaçom nacional", como se autodefine.

No acto de Agora Galiza, tras a tradicional ofrenda floral na tumba de Reboiras, Paulo Peres Lago reivindicou a "vida exemplar" do homenaxeado, "ao servizo da causa operária e nacional, afastada do maquilhagem e manipulaçom do reformismo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Qwertyu

Os xefes da UPG o traizoaron

1 Si ho

O paradoxo e o absurdo é que cando andades literalmente a ho-stia limpa vós no mundo mareíl veñades agora aproveitando isto para falar de división noutros sitios