Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2018 | Actualizada ás 18:53
Familia, amigos e compañeiros de traballo de Sonia Iglesias chaman a toda a cidadanía a participar na manifestación convocada para este venres, en Pontevedra, coa que buscan rememorar á pontevedresa oito anos despois da súa desaparición, o 18 de agosto de 2010, e que "o caso non caia no esquecemento".
"Xa pasaron oito anos sen ter aínda a certeza do que lle puido ocorrer aquel día, quen puido provocar a súa desaparición, se foi unha persona ou varias... Sobre todo, e o máis importante, é que o caso non caia no esquecemento, porque co paso dos anos estes casos van perdendo forza", manifestou a irmá de Sonia, Maricarmen Iglesias, en declaracións a Europa Press.
Baixo a lema 'Oito anos sen Sonia', a mobilización partirá ás 21,30 horas da Praza da Herrería e dirixirase á Praza da Peregrina. Acto seguido percorrerá as rúas de Benito Corbal, Daniel da Sota, Castelao, Sagasta, Joaquín Costa, Blanco Porto e Benito Corbal, para terminar de novo na Herrería.
Esta manifestación terá lugar case dous meses despois de que o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra volvese arquivar, provisionalmente, a causa xudicial que mantiña aberta para investigar a desaparición da nova.
O maxistrado comunicaba que as dilixencias policiais e xudiciais realizadas nos meses previos non arroxaran resultados que justificasen ter o proceso xudicial aberto. No rexistro dunha casa propiedade da familia de Julio Araújo, a que foi parella de Sonia, localizaron restos xenéticos indeterminados que non levaron aos investigadores a ningún sospeitoso nin atoparon vestixios de que a muller estivese na vivenda.
"HAI COUSAS QUE XA NON SE PODEN COMPROBAR"
Estas actuacións, que foron realizadas en febreiro deste mesmo ano, "non deron os resultados" que a familia esperaba. Segundo Maricarmen Iglesias, "non os deu porque levaron a cabo moi tarde": "Se esas mesmas actuacións se levasen a cabo nos primeiros meses da súa desaparición, seguramente o resultado sería outro".
E é que, tal e como afirma a irmá de Sonia Iglesias, "transcorridos case oito anos" sen saber o que lle ocorreu á súa irmá, "hai cousas que xa non se poden comprobar", lamentou. Con todo, a familia aínda garda "esperanzas e forzas para pensar que poidan atopar algún outro fío do que tirar" en futuras pescudas e que así "se chegue a poder probar a culpabilidade do único imputado que houbo até o momento", expresa, en referencia a Julio Araújo.
A pesar de que o caso se mantén xudicialmente pechado, a nivel policial reitéranlles "que seguen investigando". "E nós crémonolo e esperamos que, co paso do tempo, acaben facendo o seu traballo, que é o que levamos esperando oito anos", sentenza, finalmente, a irmá da pontevedresa desaparecida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.