O Goberno afirma que traballa "intensamente" para xestionar as axudas a afectados pola explosión de Tui

Pediu ás diferentes institucións que fagan un exercicio de "autocrítica" e tomen medidas para que non volva suceder unha traxedia como esta.

Por E.P. | VIGO | 29/08/2018 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

A subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba, defendeu este mércores o "compromiso" da administración central cos veciños afectados pola explosión dun almacén ilegal de material pirotécnico en Tui, e subliñou que traballa "intensamente" para xestionar as axudas.

Cascallos após a explosión de Tui en Paramos, que arrasou vivendas. EUROPA PRESS
Cascallos após a explosión de Tui en Paramos, que arrasou vivendas. EUROPA PRESS

A través dun comunicado, e en resposta ás críticas da Xunta --que pediu a Goberno central e Deputación que "arrimen o ombreiro"--, Maica Larriba lembrou que o propio presidente Pedro Sánchez comprometeuse a axilizar esas axudas. Esta é a resposta as críticas que a Xunta e do Concello de Vigo realizaron este martes.

No entanto, lembrou que as administracións deben respectar os prazos das tramitacións, á vez que incidiu en que eses procesos non se poden levar a cabo se non se recibe toda a documentación.

A subdelegada sinalou que case un 40 por cento das axudas de emerxencia solicitadas "xa están remitidas ao Ministerio do Interior". "Pero tamén é verdade que esta subdelegación non pode tramitar os expedientes sen que os afectados presenten toda a documentación esixida", advertiu.

Maica Larriba pediu ás diferentes institucións que fagan un exercicio de "autocrítica" e tomen medidas para que non volva suceder unha traxedia como a da parroquia tudense de Paramos. "Cada administración debe ser coherente coas súas responsabilidades e activar os seus mecanismos, como son presentar a documentación que lle corresponde para obter as axudas que solicitan ou axilizar os trámites urbanísticos para a reforma da zona afectada", apostilou.

Por outra banda, animou a todas esas administracións a "colaborar activamente" para afrontar as consecuencias do sinistro, en lugar de "usar a traxedia dos veciños e os seus mortos nunha liorta política". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta