Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2018 | Actualizada ás 16:47
A empresa Enrisa ameazou con despidos e anunciou un expediente de regulación de emprego ante a negativa da Xunta a outorgarlle novas concesións que permitan continuar coa extracción de seixo en Mesía, Frades, Oroso e Ordes.
Así, destacou que tras a negativa de Industria, o centro de produción de Frades verase abocado ao peche definitivo no caso de que continúe a actual situación, o que ocasionará graves prexuízos aos máis de 60 profesionais e as súas familias cuxo traballo depende da actividade desta planta
Por iso, viuse obrigada en contra da súa vontade a presentar un Expediente de Regulación de Emprego Temporal, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2019, debido a un esgotamento das reservas actuais. "Erimsa amenta profundamente ter que adoptar esta grave medida, que prexudica a numerosas familias do Concello de Frades, pero a falta de materia prima fai inviable o desenvolvemento da súa actividade con normalidade", indica nun comunicado.
Desde hai máis de 30 anos, esta empresa traballou nunha área superior a 1.600 hectáreas de terreo da zona. "Sempre en perfecta convivencia con propietarios de terreos, explotacións agrícolas, gandeiras, administracións locais e veciños", apunta porque a metodoloxía empregada é o sistema de cribado de terreo.
"Este sistema, a diferenza doutras técnicas mineiras mais invasivas, resulta completamente respectuoso co medio ambiente, ao preservar a capa vexetal, escavar a unha profundidade de 1,5 metros aproximadamente, extraer unicamente os birlos de seixo e, por último, volver depositar a capa vexetal retirada ao comezo do proceso", engade. Con todo, entidades ecoloxistas e un informe da Consellería do Medio Rural criticaron duramente os métodos utilizados por esta empresa polo seu forte impacto polo ambiente. Tamén gandeiros da comarca de Xanceda criticaron a planta da empresa.
XUNTA
Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou este luns en Ourense que espera "poder identificar vías" nas conversacións con Erimsa que permitan que a explotación mineira da empresa "poida seguir desenvolvéndose" á vez que "se cumpren todas as garantías ambientais que están recollidas na lei".
"Nas conversacións entre a Xunta de Galicia e Erimsa, estamos a trasladar e identificando como se pode, a través da Lei da Implantación Empresarial, facilitar investimentos sempre garantindo o cumprimento das esixencias ambientais", asegurou Conde en declaracións aos medios tras a súa visita a un taller empresarial en San Cibrao das Viñas (Ourense).
Neste sentido, o titular de Economía, Emprego e Industria destacou que a Xunta de Galicia "está a ofrecer todas as garantías para que calquera proxecto mineiro cumpra con todos os requirimentos desde o punto de vista ambiental e urbanístico", polo que Erimsa, "como calquera outro proxecto mineiro, ten que cumprir con toda a normativa".
Así mesmo, subliñou o traballo da empresa en cuestión, que "está a desenvolver un labor moi importante de cuarzo e, por tanto, facilita a recuperación do contorno mineiro e, ao mesmo tempo, extrae un mineral que ten un valor importante e que permite desenvolver unha actividade económica na comarca de Frades, Mesía e Oroso".
TALLERES FORMATIVOS CON CONTRATO LABORAL
Francisco Conde puxo en valor a necesidade dos talleres de emprego que ofrece a Xunta de Galicia en colaboración cos concellos, "importantes por un dobre motivo", xa que "permiten a recuperación do patrimonio, especialmente nas actuacións no medio rural, e que haxa máis oportunidades para a inserción laboral dos desempregados".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.