Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2018 | Actualizada ás 20:32
O xerente da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo, Sergio López, confirmou que este luns se reuniu o aval esixido polas autoridades de Irlanda, de 339.000 euros, para que o pesqueiro de Burela (Lugo) 'Virxen da Branca' poida regresar a Galicia.
O responsable da organización á que pertence a embarcación explicou a Europa Press que o aval se reuniu e foi enviado a Irlanda, pero non será até o martes cando se tramitará a súa presentación cunha entidade financeira en Irlanda. No caso de que sexa aceptado o aval, o buque será libre para partir de Castletown, polo que se espera que poida regresar a partir do martes a Galicia. Conta cunha tripulación de 13 persoas.
En concreto, o pesqueiro 'Virxen da Branca' foi acusado, após unha inspección a bordo a cargo dunha patrulleira, de realizar a coñecida e ilícita práctica pesqueira de 'finning', que consiste en cortar as aletas da quenlla a bordo para despois tirar o corpo ao mar.
O responsable da Organización xa aseguraba o domingo que a asociación "non está de acordo coa interpretación errónea e levada ao límite" que a patrulleira e os inspectores irlandeses realizaron sobre a posesión de aletas de quenlla no barco pesqueiro de Burela (Lugo), e sostén que o aval é "desproporcionado". Así, indicou que os inspectores atoparon "as aletas anais das quenllas, as pequeniñas, que son realmente uns apéndices, separadas do corpo", motivo polo que se acusa á embarcación de 'finning'.
No entanto, insistiu en que esta práctica "non é finning", senón o procedemento "habitual", "sobre todo en peces máis pequenos, cando se envolven na rede para conxelalos", xa que "eses apéndices caen da rede e gárdanse aparte" do resto de pezas. Sergio López estima que a sanción á que tería que facer fronte podería ascender aos 35.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.