A segunda desafección

«M'han esgotat políticament i personalment», foi a expresión utilizada por Xavier Domènech na súa renuncia a todos os cargos institucionais e orgánicos, que non á política.

Por Xoan Hermida | Pontevedra | 10/09/2018

Comparte esta noticia

Máis aló das motivacións políticas e persoais, que seguramente nunca coñeceremos na súa integridade, a renuncia de Domènech é un síntoma. Un elemento simbólico nunha cadea de feitos que debera preocupar aos dirixentes dunha nova esquerda que viña a substituír na centralidade á vella esquerda socialdemócrata e vai, cada día que pasa, parecéndose máis a aqueloutra que ben por  radicalismo ideolóxico ou por acomodarse ao statu quo, conformábase con ser a muleta accesoria no marco dun predominante eixo esquerda-dereita que só favoreceu a construción, e hoxe a reconfiguración, do bipartidismo.

Observo no último tempo cansanzo e desilusión de activistas que confiaron nas forzas do cambio, ben nuns casos reincorporándose despois dun tempo de refuxio nos movementos sociais, ben noutros asumindo por primeira vez un compromiso político na medida que eran seducidos por promesas de poder facer política de xeito máis laico no propositivo, menos corporativo no orgánico e radicalmente democrático no marco do compromiso ético.

Tres eran as demandas centrais que levaron ás prazas á milleiros de persoas diante dun modelo político esgotado, onde os contratos electorais se abandonaban a favor dos intereses das grandes corporacións, a corrupción convertíase na metástase do cancro privatizador, e onde a política deixaba de ser un servizo á comunidade para converterse nun modo de vida.
 
Tres demandas que se resumiron en tres consignas sinxelas e claras: “Non nos representan”, “Chámanlle democracia e non o é” e “Non hai pan para tanto chourizo”.  Tres consignas que se materializaban nun programa político con tres eixos centrais: radicalidade democrática, rexeneracionismo político e ética da praxe.
 
Á ‘nova esquerda’ víuselle desde un principio que iso da democracia (xa non digamos a radicalidade) ía ser un tema que realmente no que lle ía faltar entusiasmo. O programa de rexeneracionismo político foi pronto abandonado para volver ao máis confortable e coñecido programa frontista tradicional da esquerda. E o compromiso ético flexibilizouse de tal xeito que a súa aplicación, ao igual que ocorría cos partidos tradicionais aos que se criticaba, se modulaba en función da persoa afectada, pechando filas corporativas en defensa dos “nosos” atacados polos “outros”.
 
Pero se houbo algo no que a nova política era rotunda foi na impugnación xeral a unha política concibida desde a profesionalización e non desde o compromiso cívico. Seis anos despois os partidos emerxentes fronte ao tándem  bipartidista lonxe de desprofesionalizar a actividade política  sumaron novas ornadas de persoas ao profesionalismo e en gran medida, polas circunstancias económicas, sen pasar por un traballo previo en sectores produtivos ou de servizos.

A historia de Xavier Domènech non é moi distinta á de moitos activistas políticos. A finais da transición iniciou a súa participación política nas filas da derrota, apostando no seu caso na crise do que fora o  gran contedor da esquerda nacional catalá (o PSUC) polas posicións máis radicais, non por fundamentalismo senón por coherencia. Non é unha traxectoria particular, senón que exemplariza a de moitas que procuraban vías mais incisivas nos cambios nunha mestura de programa de cambio de tradición cultural comunista no espazo das ideas e dunha aposta libertaria e democrática na factura orgánica.
 
Para toda esa xeración que a partir do 2011 se incorporou á primeira liña do cambio político durante os anos da falla de perspectivas, os seus refuxios foron a investigación e a análise critica no pensamento e os movementos sociais.
 
Cando, unicamente por erros das forzas do cambio, todo parece indicar que o epílogo deste tránsito democrático é moi probable que o lidere un neobipartidismo, a solaina que no campo da esquerda social deixa esta etapa fai mesmo difícil atopar refuxios colectivos desde onde encarar o próximo tempo.
 

Irene Montero, Xavier Domenech, Alberto Garzón, Antón Gómez-Reino, Ione Belarra
Irene Montero, Xavier Domenech, Alberto Garzón, Antón Gómez-Reino, Ione Belarra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoan Hermida Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea pola USC, Master en 'filosofia, cuestións actuais' e Doutor en Xestión Pública pola USC. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Foi coordinador nacional de Espazo Ecosocialista de febreiro de 2012 a xuño 2015. En maio de 2018 dimitiu da súa acta de deputado no Parlamento de Galicia, tras 12 días de aceptala, nos que quixo visibilizar a necesidade de situar á ética no centro da política. Na actualidade dirixe o Foro Obencomún e participa da Marea Pontevedra. Autor de varias obras ven de publicar con Galaxia a obra “Galicia no labirinto da nova política”.