O PSOE vigués xustifica a comisión sobre Feijóo e Dorado porque os cidadáns "queren saber"

Ademais, o goberno socialista de Vigo considera que "é unha materia pendente" e "nunca é tarde".

Por E.P. | VIGO | 13/09/2018 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

Así o manifestou, nunha rolda de prensa, o portavoz do goberno e concelleiro do PSOE, Carlos López Font, quen aseverou que, ante a posibilidade que se cre esta comisión, aínda que recoñeceu que o seu grupo non decidiu se levará a proposta a pleno, "Feijóo está a tremer".

Font pide investigar a Feijóo  porque 'nunca é tarde'
Font pide investigar a Feijóo porque 'nunca é tarde' | Fonte: Europa Press

Ao seu xuízo, "é unha materia pendente" que se investiguen as relacións de Feijóo con Marcial Dorado, así como a desaparición dos contratos que o cambadés tiña coa administración autonómica cando o líder do PPdeG era responsable do Sergas. "Hai indicios o suficientemente raros, que teñen que ser aclarados" e espuxo preguntas como "que facían eses contratos do Sergas nun centro educativo de Vigo" ou "onde están os partes de intervención dos servizos de emerxencia" que acudiron cando se produciron as inundacións que botaron a perder eses documentos.

Segundo López Font, "todas estas preguntas están totalmente xustificadas" e os cidadáns "queren saber as respostas". "Nada mellor que unha comisión de investigación para que se aclaren", insistiu.

MATERIA PENDENTE

O edil vigués defendeu que pidan agora esa investigación e non hai uns anos, cando se fixeron públicas as polémicas fotos de Feijóo e Dorado, ou cando se denunciou a desaparición dos contratos do Sergas. "É unha materia pendente, e nunca é tarde", sentenciou. Preguntado polos medios sobre a oportunidade de facer esta proposta, xusto cando o Parlamento galego deu luz verde a unha comisión de investigación sobre o accidente do Marisquiño, á que os socialistas se opoñen, o portavoz do goberno vigués negou que a iniciativa sexa unha reacción ou unha "resposta" á decisión adoptada na Cámara autonómica.

Con respecto a quen podería comparecer nesa comisión de investigación municipal, López Font evitou entrar en detalles, e limitouse a soster que "o importante é o concepto" sobre o que se debe investigar, que é "a relación" de Feijóo "cun narcotraficante e cuns contratos que desapareceron".

"DOBRE VARA"

Por outra banda, o deputado do PSdeG, Abel Losada, criticou este xoves a "dobre vara" de Feijóo por favorecer, coa súa "complicidade necesaria", a creación dunha comisión de investigación para "castigar a Vigo e ao goberno de Vigo", mentres que se negou a que se investigue politicamente o falecemento dun paciente na PAC da Estrada. Losada subliñou que o Sergas incumpriu "flagrantemente" a lei, porque non había equipos médicos nese centro sanitario cando morreu ese paciente, "e o PP di que non ha lugar a unha investigación parlamentaria".

Do mesmo xeito, criticou a negativa dos 'populares' a que se creasen comisións sobre asuntos como a explosión de Tui, o descarrilamento do tren Celta no Porriño, ou a vaga de incendios de outubro do ano pasado. "O PSdeG non vai a quedar parado ante este ataque a Vigo", recalcou, en alusión á investigación do Marisquiño, e expresou o seu apoio ao goberno vigués na súa petición de que se cren comisións municipais para investigar a relación de Feijóo e Marcial Dorado, ou os incumprimentos da Xunta coa cidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta