Por Galicia Confidencial | Bos Aires | 13/09/2018 | Actualizada ás 20:00
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu insistir este xoves que hai un “interese máximo” por parte do seu goberno de manter o patrimonio cultura do Centro Galego de Bos Aires sobre o que planea a posibilidade de que sexa vendido pola súa mala situación económica.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta e preguntado por Galicia Confidencial, Feijóo lembrou que o seu goberno xa fixo varias intervencións para axudar a este centro. Así lembrou que no 2009 gastou xa 9 millóns de euros para pagar a débeda que tiña e que tamén garantiu, despois, a asistencia sanitaria dos galegos noutras institucións.
En todo caso, lembrou que o edificio non é do Goberno galego e que está intervido polas autoridades arxentinas polas débedas contraídas. Non obstante, lembrou que tanto el coma o ex presidente Rajoy mantiveron diversos contactos co presidente arxentino Macri para abordar esta situación. “Eu mesmo me reunín con el cando estivo en Madrid hai pouco”, dixo.
Nas últimas semanas distintas asociacións de emigrantes, a Federación Gallega de Asociaciones de Emigrantes en Argentina e ata o premio nóbel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel, reclamaron que non se especule co edificio do Centro Galego pola súa importancia histórica e cultural.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.