Por Galicia Confidencial | A Estrada | 14/09/2018 | Actualizada ás 09:00
O bosque de ribeira é unha formación vexetal complexa cun alto valor ecolóxico e ambiental, xa que son fonte de biodiversidade e compren funcións esenciais para os ecosistemas acuáticos e para a calidade da auga.
Actualmente, o trazado do río Umia presenta un estado moi heteroxéneo, con zonas en que o bosque de ribeira foi conservado grazas ás características do terreo, e outras máis afectadas por distintos factores antrópicos, como as edificacións nas marxes do río, as plantacións de especies alóctonas, os campos de cultivo, os prados forraxeiros.. Na maioría destas zonas, o bosque de ribeira veuse desprazado, resultando moi escaso ou inexistente en moitas ocasións.
Por iso, a Estrada restaurará e recuperará un bosque de ribeira a beira do río Umia, no tramo que discorre neste concello, e conservará aquelas zonas cuxo estado sexa óptimo. Así o anunciou este xoves a Xunta tras autorizar un convenio de colaboración con este concello. O obxectivo final desta actuación é alcanzar un estado o mais natural e recuperado posible do bosque de ribeira.
Deste xeito, con esta actuación -que está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)- prevese a consecución de franxas protectoras ao longo do río, co fin de illar o leito fluvial da influencia do aproveitamento agrícola, tratando de acadar unha formación vexetal con función tampón e, deste modo, mellorar o estado desta masa de auga fluvial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.