Alcaldes instan ao persoal de Maderas Iglesias "retomar a actividade laboral previa reactivación" da negociación

Desde o pasado 28 de agosto, os traballadores desta empresa están en folga indefinida.

Por E.P. | VIGO | 17/09/2018 | Actualizada ás 18:53

Comparte esta noticia

Alcaldes das comarcas pontevedresas de Condado e Val da Louriña fixeron este luns "un chamamento" ao persoal de Maderas Iglesias a "retomar a actividade laboral previa reactivación do proceso negociador" que permita chegar a un acordo ante o conflito na empresa, xa que actualmente, e desde o pasado 28 de agosto, os traballadores atópanse en folga indefinida.

Protesta dos traballadores de Maderas Iglesias
Protesta dos traballadores de Maderas Iglesias | Fonte: CIG.

Así o comunicou o goberno do Porriño despois da reunión que mantiveron este luns a dirección da empresa e os rexedores de localidades afectadas, tendo en conta que os traballadores decidiron manter a folga indefinida tras tombar un preacordo que alcanzaron o comité de empresa e a dirección coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais.

A pesar de todo, os alcaldes mostráronse convencidos de que "existe unha saída que conxugue os intereses do persoal xunto cos da parte empresarial", e instaron a ambas as partes a "xerar a suficiente sinerxía e confianza mutua, como requisito imprescindible para voltar á actividade produtiva".

Neste ámbito, apostaron por utilizar o Consello Galego de Relacións Laborais e a Secretaría de Emprego da Xunta "como instrumentos útiles para esa finalidade". Ademais, os concellos afectados (Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Ponteareas, Mondariz e As Neves) puxéronse a disposición das partes para "garantir o emprego e actividade" na empresa.

"FALTA DE CONFIANZA"

A pasada semana o comité de empresa e a dirección, coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, alcanzaron un preacordo que non foi aceptado pola asemblea de traballadores por "falta de confianza cara á empresa", xa que consideran que por parte da dirección houbo "moitas mentiras e moitos incumprimentos".

Así, naquel momento ratificaron a folga e reafirmáronse en que antes de desconvocala e voltar aos seus postos de traballo teñen que cobrar os salarios e as pagas extras pendentes (o preacordo estipulaba o fin inmediato da folga e daba datas límite para que a empresa fixese fronte aos pagos).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta