Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2018 | Actualizada ás 19:07
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, insistiu en que lle corresponde ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, decidir sobre a remodelación do seu Executivo e destacou o "traballo feito" polo seu departamento e o "moito" que "queda por facer".
Rey Varela pronunciouse deste xeito ao ser preguntado este mércores sobre a data na que o máximo mandatario autonómico acometerá os cambios no Goberno galego tendo en conta que está previsto que o político ferrolán compita por facerse coa Alcaldía deste municipio nas próximas eleccións municipais de maio de 2019.
"Todas as semanas temos novidades, de feito, mañá temos Consello da Xunta e a Consellería de Política Social eleva importantes acordos", destacou o conselleiro nunha intervención na que precisou que "a próxima semana" o seu departamento tamén terá "acordos importantes" sobre cuestións nas que "está a traballar".
Despois diso, volveu a subliñar que a súa "responsabilidade", como a de "todo o Goberno de Galicia", é "traballar a disposición do presidente de todos os galegos" para que na Comunidade galega cada vez "haxa unha sociedade mellor".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.