Xunta e Cogami impulsan un plan con medidas para 1.200 persoas con discapacidade dotado con 2,7 millóns

O Goberno galego renova con 3,9 millóns o convenio coa Fegamp para programas de atención a persoas con problemas de drogodependencia

Por E.P. | Compostela | 20/09/2018 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

O Goberno galego autorizou a firma dun convenio coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) para implantar nas instalacións do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi) un plan integral de actuación para persoas con diversidade funcional.

Kiosko de COGAMI en Santiago
Kiosko de COGAMI en Santiago | Fonte: cogami.es

Este proxecto contará cun investimento de 2,7 millóns de euros, dos que a Xunta achegará case 1,8 millóns e Cogami os 900.000 euros restantes. Segundo explicou o presidente, empezará a desenvolverse no último trimestre deste ano e "está blindado" até 2022.

En concreto, este plan permitirá que unhas 1.200 persoas con discapacidade --desde a idade pediátrica até a vida adulta-- poidan acceder a dous tipos de servizos.

Desde a posta en marcha deste plan integral estarán dispoñibles actuacións para o desenvolvemento social e persoal, como asesoramento e orientación, intermediación laboral, formación, fomento e emprendemento social e apoio técnico, económico e institucional ás persoas con discapacidade que queiran pór en marcha asociacións.

Do mesmo xeito, cando se dispoña do equipamento necesario, ofreceranse terapias de rehabilitación, mantemento e promoción da autonomía, como fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia ou neuropsicología, para as que se contratará a 18 profesionais.

ATENCIÓN ÁS DROGODEPENDENCIAS

O Goberno galego tamén autorizou a firma do convenio que renova a colaboración entre a Vicepresidencia, a Consellería de Sanidade, o Sergas e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a realización de programas de atención e de protección da saúde.

En concreto, con este convenio, o Goberno galego garante o mantemento e a consolidación dos sistemas de axuda ao colectivo de persoas con problemas de drogodependencias.

A Xunta contribúe ao financiamento destas actividades cun importe total de 3,9 millóns de euros. Durante 2017, este convenio permitiu que fosen beneficiadas un total de 7.634 persoas, atendidas nun total de 13 unidades asistenciais a drogodependencias (UAD).

Cada concello, previos os informes técnicos previstos, recibirá un importe global e único para os programas que desenvolva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta