Podemos Galicia anuncia eleccións internas coa intención de renovar a dirección

A actual cúpula, con Carmen Santos á cabeza, non desvela se concorrerá ao proceso.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2018 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

Podemos Galicia convocou a súa III Asemblea Cidadá, un proceso interno que culminará a finais do próximo mes de outubro coa elección dun novo equipo de dirección a través dunha votación por vía telemática na que están chamados a participar os ao redor de 11.000 inscritos cos que conta a organización morada na Comunidade galega.

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, en rolda de prensa
A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Diso informou a secretaria xeral, Carmen Santos, nunha rolda de prensa celebrada este luns en Santiago na que estivo arroupada por parte dos membros do Consello de Coordinación, que equivale á executiva nun partido tradicional. No entanto, Santos non desvelou se ela e a actual dirección se presentaran á reelección.

A decisión de convocar eleccións foi adoptada polo Consello de Coordinación de Podemos Galicia o pasado domingo nunha reunión na que foi aprobado o calendario para a renovación dos órganos internos do partido, que, ademais da Secretaría Xeral, están formados polo Consello Cidadán Autonómico, composto por 35 membros. Así as cousas, este martes arrinca o proceso co inicio da recollida de avais necesarios para conformar candidaturas, cuxo prazo de presentación comeza o luns 8 de outubro e permanecerá aberto até o día 12. As votacións levaránse a cabo de maneira telemática entre os días 18 e 24; e o resultado será público o 25 de outubro.

Deste xeito, os inscritos do partido morado elixirán nova dirección --Consello Cidadán-- e Secretaría Xeral, cargo que ostenta Carmen Santos desde abril de 2016, cando a candidatura que encabezaba --'Un mar de xente'-- impúxose nas eleccións internas á liderada pola actual deputada de En Marea no Congreso e afín ao sector 'errejonista' Ángela Rodríguez e á do exsecretario xeral morado Breogán Riobóo, que quedou en terceiro lugar.

Con todo, a preguntas dos xornalistas, Carmen Santos apelou a que a rolda de prensa deste luns era un acto da dirección orgánica, polo que, segundo Santos, non era o lugar para anunciar se se presentará ou non a reelección. "Cando tomemos a decisión, anunciarémolo", afirmou. Para a tamén viceportavoz de En Marea no Parlamento galego, o proceso interno que se abre en Podemos Galicia será "vital" para o devir da organización coas eleccións municipais e europeas no horizonte, polo que chamou aos inscritos do partido a participar dun "debate fraterno" que faga que a organización "salga fortalecida" dun proceso no que a actual dirección velará por que se desenvolva "con neutralidade, garantía e coa máxima transparencia".

Ademais, puntualizou que a dirección que salla deste proceso interno será quen pilote as relacións con En Marea --tamén inmersa nunha etapa de renovación-- e velar polo cumprimento do mandato das bases de cara á configuración de candidaturas para as eleccións municipais.

CALENDARIO

O calendario da terceira Asemblea Cidadá de Podemos Galicia arrinca este luns coa publicación na súa páxina web do regulamento do proceso, aprobado polo Consello de Coordinación o pasado domingo. O martes quedará aberto o período de recollida de avais para a configuración de candidaturas, que deberán ser presentadas entre o 8 e 12 de outubro, día no que se iniciará a campaña.

As votacións, que se desenvolverán telemáticamente, terán lugar do 18 ao 24 de outubro e, un día máis tarde, daranse a coñecer os resultados. As persoas que queiran votar no proceso deberán figurar como inscritos de Podemos Galicia 10 días antes do peche do censo, que se clausurará o 8 de outubro.

TENSIÓNS INTERNAS

O mandato de Carmen Santos á fronte de Podemos Galicia estivo marcado por unha profunda división interna que obrigou a intervir á dirección estatal do partido que lidera Pablo Iglesias, que chegou a enviar ao membro da executiva nacional Pablo Fernández Alarcón para mediar entre os sectores.

No entanto, o caso da deputada de En Marea e membro do sector anticapitalista de Podemos Paula Quinteiro, apoiada desde un primeiro momento polo sector oficial do seu partido en contra do criterio da dirección política de En Marea, logrou tranquilizar as augas entre oficialistas e críticos, grupo no que se aliñaba a propia parlamentaria.

A decisión de convocar a renovación dos órganos directivos de Podemos Galicia foi aplaudida por varias persoas encadradas dentro do denominado sector crítico, como o deputado de En Marea no Congreso Antón Gómez-Reino ou a parlamentaria galega Luca Chao.

"O anuncio de AC (Asemblea Cidadá) en Podemos Galicia é unha boa, necesaria e demandada noticia. É hora de #TecerGalicia. Poñamos toda a enerxía en traballar por un Podemos Galicia unido, forte, aberto á sociedade. Para o meu é un compromiso individual. E un reto colectivo. Imos entre todas #PodemosUne", reza a mensaxe publicada por Gómez-Reino na súa conta de Twiter.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Antes de votar cómpre coñecer a realidade económica das súas Señorías !!! http://www.parlamentodegalicia.es/s... Lamentablemente só figuran as cantidades brutas do 2017 (?) o resto será cousa de calcular pola conta da vella...