Comeza a batalla interna en Podemos Galicia tras o anuncio de eleccións á Secretaría Xeral

O deputado Antón Gómez-Reino aspirará a liderar Podemos Galicia e ofrécese a encabezar unha candidatura de unidade. Carmen Santos, actual secretaria xeral, aínda non anunciou se se presentará á reelección.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2018 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

O deputado de En Marea no Congreso Antón Gómez-Reino confirmou este martes que aspirará a liderar Podemos Galicia no proceso de primarias co que a organización morada galega renovará os seus órganos de dirección.

Antón Gòmez Reino, deputado de En Marea e membro de Podemos. EN MAREA - Archivo
Antón Gòmez Reino, deputado de En Marea e membro de Podemos. EN MAREA - Archivo | Fonte: Europa Press

En declaracións aos medios nas Cortes, Gómez-Reino ofreceuse a encabezar unha candidatura de unidade que aglutine as "diferentes sensibilidades" que conviven no seo de Podemos Galicia co obxectivo de facer do partido "un proxecto forte para ser unha das pezas fundamentais, se non a fundamental do cambio en Galicia".

Así mesmo, agradeceu que a cúpula que encabeza actualmente Carmen Santos accedese "dunha vez por todas" a convocar a Asemblea Cidadá, que "era unha cuestión demandada polas bases". Deste xeito, Gómez-Reino, aliñado no sector crítico coa dirección de Santos, convértese na primeira persona en situarse na carreira pola Secretaría Xeral de Podemos Galicia. Polo momento, Carmen Santos e o seu equipo non desvelaron se se presentarán á reelección.

Este martes arrincou o calendario do proceso interno da organización coa apertura do período de recollida de avais para a configuración de candidaturas. As votacións celebraranse de maneira telemática entre o 18 e o 24 de outubro e, un día máis tarde, coñeceranse os resultados provisionais.

"É O MOMENTO DE ACHEGAR"

"É o momento de achegar aí, é o momento de facelo e evidentemente síntome con ganas e forzas para facelo", asegurou Gómez-Reino, quen xa deixara caer a súa intención de presentarse a través dunha mensaxe publicada na súa conta de Twitter minutos despois de coñecerse a convocatoria da Asemblea Cidadá.

O anuncio foi feito público pola secretaria xeral da formación, Carmen Santos, nunha rolda de prensa celebrada o luns na que estivo arroupada por parte dos membros do Consello de Coordinación, que equivale á executiva nun partido tradicional Cuestionada sobre se optará á reelección dun cargo que ocupa desde abril de 2016, a tamén viceportavoz de En Marea na Cámara galega evitou pronunciarse aludindo a que se trataba dunha comparecencia en clave orgánica, polo que emprazou a que o anuncio da súa candidatura, de producirse, terá lugar nun acto propio.

Pola súa banda, Gómez-Reino asegurou este martes que após ter constancia da convocatoria de primarias mantivo contactos con "diferentes persoas" do partido ás que trasladou a súa "diagnose" da situación que atravesa a organización, que, no horizonte inmediato, debe facer fronte á configuración de candidaturas para as eleccións municipais e a definir a súa relación co espazo político de En Marea, que tamén encara un proceso de renovación interna nos próximos meses.

"Creo que podo axudar a realizar unha síntese, unha candidatura ampla de unidade e na que sentan representadas todas as sensibilidades en Galicia", indicou o parlamentario, que considera "fundamental" lograr un Podemos "forte" que actúe "de forma cohesionada" no marco do "espazo de cambio en Galicia", unha "demanda" saída do último conclave a nivel estatal de Podemos (Vistalegre II). "A fortaleza de Podemos en Galicia é imprescindible para a fortaleza do cambio en Galicia", remarcou Gómez-Reino, que valorou a existencia de "sensiblidades" no seo do partido, algo que, ao seu xuízo, "suma".

PRIMARIAS DE 2016

Podemos Galicia atravesou unha etapa de división interna ao longo do mandato de Carmen Santos á fronte da organización que mesmo provocou a intervención da dirección estatal para mediar entre os sectores enfrontados. Nas primarias de 2016, Gómez-Reino figurou na candidatura para o Consello Autonómico da súa compañeira nas Cortes Ángela Rodríguez, que resultou finalmente derrotada ante Santos nuns comicios internos aos que tamén concorreu o exsecretario xeral morado Breogán Riobóo.

RELACIÓN CON EN MAREA E MUNICIPAIS

A dirección que salga do proceso de renovación interna que encara Podemos Galicia terá dous retos inmediatos por diante: definir a súa relación co espazo político de En Marea e a elaboración de candidaturas para as eleccións municipais do próximo ano. O pasado luns, a actual secretaria xeral remarcou que a dirección que se faga cargo do partido deberá facer valer o "mandato" dos inscritos de Podemos Galicia no tocante á configuración de candidaturas para os comicios locais.

En marzo, máis do 80 por cento dos inscritos galegos apoiaron a proposta de presentarse en "alianza" con outras forzas en formato de coalición e coa marca Podemos no nome da candidatura coa excepción daqueles municipios onde existan proxectos "consolidados", denominación que, para a dirección actual, cínguese en Galicia de maneira exclusiva a aqueles que se atopen en posición de goberno.

"É evidente que Podemos e Podemos Galicia nos diferentes lugares onde temos os 'alcaldes do cambio' nas cidades demostrouse como un espazo fundamental e especialmente colaborativo e isto ten que seguir sendo así", declarou Gómez-Reino. "As fórmulas xurídicas nunca lle importaron á cidadanía e seguen sen importarlle", engadiu o parlamentario que, a continuación, apostilou que "haberá que ir vendo cal é o mecanismo" polo que optan para concorrer aos procesos electorais que se aveciñan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O burro diante para que non se espante! Toné leva tempo agardando unha mellora salarial, e para dar exemplo xa non ten siquera activa a súa conta de Twitter... (así polo menos non ten que bloquear a ninguén!) https://i.gal/gamela03 Traballar o que se dí traballar non se lle vé moito pola labor...!!! https://i.gal/gamela07