Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/09/2018 | Actualizada ás 14:00
A serie 'Fariña' converteuse en todo un fenómeno de masas, grazas, obviamente, á polémica arredor do libro homónimo de Nacho Carretero que foi durante un tempo secuestrado pola Xustiza. Favorecida por esta inesperada campaña promocional, e avalada pola súa boa factura, a serie non só foi un éxito en toda España durante a súa emisión en Antena 3; Netflix fíxose tamén cos dereitos para incluíla no seu catálogo e internacionalizala. E con ela, o galego máis enxebre estase a universalizar.
Todos sabemos que igual que a lingua galega foi infestada polo castelán, o idioma español tamén adoptou palabras galegas, algunhas das cales pasaron a formar parte do mesmísimo Dicionario de la Lengua da Real Academia Española (RAE), como "morriña", "pazo", "grelo", "queimada", "vieira"... O castelán conta cunha boa lista de "galleguismos" normalizados ou adaptados na fala dos hispanofalantes, coma "sarao", "sarpullido", "chubasco"...
O xornal La Nación vén de publicar o "Pequeño diccionario gallego para ver Fariña sin subtítulos y no morir en el intento".
Grazas á serie 'Fariña', o galego máis enxebre faise agora popular alén das nosas fronteiras. "Carallo", "caralludo", "carallada" ou "escarallar", "cartos" ou "cuartos", "braceiro", "meu pai" e "miña nai", "argallar", trapallada" e "trapalleiro", "rosmón", "somanta de hostias"... Todas estas palabras e expresións, e moitas máis, repetidas polos protagonistas nos capítulos da serie e marcadas ademais polo característico acento galego, están sendo asimiladas por xentes de medio mundo.
Agora son os arxentinos os que se interesan por coñecer a nosa lingua —ou, cando menos, as nosas expresións máis características— grazas a Netiflix, plataforma que distribúe internacionalmente a serie producida por Atresmedia en colaboración con Bambú Producciones.
La Nación —un dos xornais máis influentes de Arxentina (o segundo, tras Clarín)— publicou recentemente un artigo dedicado a 'Fariña' para que os espectadores comprendan as "múltiples palabras, expresiones y hasta diálogos enteros" en galego que se suceden nos diálogos desta serie.
O xornal arxentino presentou este mes aos seus lectores o que chamou un "Pequeño diccionario gallego para ver Fariña sin subtítulos y no morir en el intento", coincidindo coa estrea da serie en Netflix en Arxentina, en setembro.
No artigo, titulado '¡Manda carallo! Diccionario gallego para ver Fariña', apórtanse explicacións sobre o significado de palabras e expresións como "fariña", "carallo", "caralludo", "carallón", "filloas", "farto", "a nai que te botou", "argallar", "parvo", "somanta de hostias", "pailán", "cara de toxo", "cona", "cara de cona", "collóns", "fillo de puta"...
O Huffington Post tamén se interesou por explicar o significado de "chollo", "acabar na pataqueira", "máis fea que un croio", "rosmón", "pirola", "podres de cartos"...
Antes, en España, a serie suscitou tamén grande interese por descifrar o significado destas e doutras palabras e expresións propias e tan características da nosa lingua. Así, por exemplo, a edición española do Huffington Post —participada polo Grupo Prisa— tamén dedicou un artigo moi semellante ao de La Nación, titulado 'Las expresiones gallegas que 'Fariña' le está regalando al resto de España', publicado en marzo pasado.
No seu particular diccionario incluíron tamén palabras e expresións como "chollo", "acabar na pataqueira", "máis fea que un croio", "rosmón", "acougade", "pirola", "podres de cartos", "tolo"...
Tamén na sección de curiosidades do diario deportivo AS —EPIK, unha sorte de lixo informativo no que entra calquera cousa— publicouse en marzo pasado un artigo titulado 'De «hijueputa» a «carallo»: las expresiones de «Fariña» que recuerdan al efecto «Narcos»', no que tentan explicar —con escaso acerto, hai que dicilo— palabras e expresións netamente galegas da serie, incluíndo algunhas das xa comentadas e outras como "estar escarallado".
Con 'Fariña', o galego está de moda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.