Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2018 | Actualizada ás 15:40
A actual dirección de Podemos Galicia anunciou este domingo que lle propuxo a Carolina Bescansa presentarse como candidata para ser a próxima secretaria xeral da formación morada e enfrontarse así ao deputado portavoz de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino.
A coordinadora do equipo de campaña, Natalia Prieto defendeu que "é a única, a persoa idónea, que encarna ese mesmo espírito que a secretaria xeral de Podemos" —Carmen Santos—, cun "espírito de lealdade e de honestidade coa xente de Podemos Galicia e con cada militante desde que naceu o proxecto".
Con esta proposta, a dirección tenta frear a Gómez-Reino, afín a Pablo Iglesias e membro do sector crítico a Santos. Faino defendendo a candidatura dunha Carolina Bescansa relegada pola formación en Madrid. Quedara fóra da dirección tras 'Vistalegre 2' e a súa filtración por erro en Telegram en abril deste ano dun plan para desbancar a Pablo Iglesias, co suposto apoio de Íñigo Errejón —que el negou—, incrementou o seu illamento na capital do Reino de España.
Pero, de momento, a confirmación de se Bescansa acepta o reto non se coñecerá até os próximos días. Este luns está previsto que se desprace a Galicia para manter unha reunión co equipo de coordinación, pero os seus integrantes rexeitaron concretar o lugar ou a hora, aínda que deslizan que se podería desvelar a decisión tras ese encontro.
No seu Twitter persoal, Carolina Bescansa xa mostrou minutos despois do anuncio a súa satisfacción pola proposta, pero sen aclarar tampouco as súas intencións. "É unha honra que as compañeiras de Galicia queiran que asuma a dirección. Falarei con todas antes de tomar unha decisión. Grazas!", asegurou.
"COMPOSTELÁ" E "MOI BRAVA"
En todo caso, na súa intervención, Natalia Prieto defendeu a elección de Carolina Bescansa por ser, practicamente, a "fundadora de Podemos Galicia" e "estar en contacto coa militancia sempre".
"Falamos dunha compostelá", en referencia á profesora da Universidade Complutense de Madrid, "nun partido que puxo todo o seu capital humano en cambiar a vida da xente", resaltou.
Ademais, a coordinadora de campaña da organización morada en Galicia puxo en valor que Bescansa "asistiu aos primeiros Consellos, participou en numerosos actos de Podemos Galicia", vinculouse a "problemáticas galegas e outras manifestacións", e participou das "negociacións con En Marea en 2015, xunto a Carmen Santos", entre outras cousas, "axudando en todo o que fose necesario".
"Para moitos inscritos, Carolina Bescansa foi e é unha persona de referencia a nivel estatal", subliñou, cualificándoa dunha "muller brava" que realiza un "traballo incansable" e que se implica con cada un dos militantes.
DEFENSA DA XESTIÓN DE CARMEN SANTOS
Así mesmo, Prieto enxalzou "o traballo destes dous anos e medio" realizado pola actual secretaria xeral, Carmen Santos —desde abril de 2016—. "Un traballo baseado en dúas calidades que valoramos moito (en Podemos): lealdade e honestidade", apuntou. Así mesmo, resaltou que, "como ben dixo Carmen Santos, este traballo non se acaba, senón que continúa desde outra posición".
Así, resaltou que, "da súa man", Podemos Galicia "sabe que os galegos atopan a lealdade e honestidade no Parlamento galego e en calquera espazo político de cambio para cambiar as cousas da xente". Neste sentido, asegurou que "Carmen Santos ten a man tendida" cos que teñen "diferenzas" con ela, e resaltou que "seguirá sempre coa man tendida".
"Esa man tendida segue sendo imprescindible e un eixo fundamental dos galegos", aseverou a coordinadora do equipo de campaña da formación. Ademais, considerou que estas eleccións internas son unha "oportunidade de participar e fortalecer o proxecto de Podemos e o cambio, desde unhas eleccións baseadas na lealdade e a honestidade" para "crear un Podemos novo", e forte en momentos de "inestabilidade e conflito".
Deste xeito, Natalia Prieto deu a coñecer a candidatura para as primarias de Podemos Galicia, coa súa proposta de Carolina Bescansa, e afirmou que o equipo "asume esa responsabilidade coa mesma lealdade e honestidade coa que traballou con Carmen Santos", "co obxectivo de facer política de cambio e real para a xente, contra os recortes e a mala xestión do Partido Popular".
Os inscritos do partido morado elixirán nova dirección —Consello Cidadán— e Secretaría Xeral ante un panorama con varias candidaturas, similar ao de 2016, ano no que a candidatura que encabezaba Carmen Santos se impuxo nas eleccións internas á liderada pola actual deputada de En Marea no Congreso e afín ao sector 'errejonista' Ángela Rodríguez, e á do ex-secretario xeral morado Breogán Riobóo, próximo a Pablo Iglesias, que quedou en terceiro lugar.
No acto deste domingo estiveron presentes tamén a deputada de En Marea e responsable de educación en Podemos Galicia, Julia Torregrosa; a secretaria de feminismos de Podemos Galicia, María Antonia Trillo; a secretaria de participación de Podemos Galicia, Begoña Hermida; e a secretaria de acción institucional, María Pérez.
"QUEN NON COLLEU A MAN DE CARMEN SANTOS FOI PORQUE NON QUIXO"
Prieto asegurou que a actual secretaria xeral "non titubeou en defender o seu secretario estatal, Pablo Iglesias, ante os ataques que sufriu en moitas ocasións" ou "a calquera dos seus compañeiros da dirección estatal". E "esa mesma postura foi a que adoptou cando foron atacados os seus compañeiros no grupo parlamentario", agregou.
"Quen non colleu a man de Carmen Santos foi porque non quixo ou porque tiña outros obxectivos", subliñou a coordinadora do equipo de campaña.
Así mesmo, lembrou que Santos "foi capaz de formar un Consello de coordinación con maioría de mulleres, neste ano das mulleres, o 2018", na súa "aposta pola feminización da política", na "esencia das súas decisións". "Xa nos afacemos a ter unha secretaria xeral e non podemos dicir que a seguinte non sexa muller tamén", reiterou.
POLÍTICA CONTRA A PRÁCTICA DO BIPARTIDISMO "CORRUPTO"
A proposta desta candidatura virará ao redor de "facer política contra a práctica do bipartidismo corrupto", con persoas que loitan "pola sanidade e a educación pública de Galicia, mulleres feministas" que perseguen "un mundo máis igualitario e libre de violencias machistas, en clave ecoloxista, de benestar animal e humano".
Nesta liña, defenderase "os pensionistas que sufriron o deixar de percibir un dereito para ser usado como moeda de cambio das negociacións", e contra "o uso" que Feijóo fai dos medios públicos de comunicación, como o seu "gabinete".
CALENDARIO
O calendario da terceira Asemblea Cidadá de Podemos Galicia comeza este luns coa publicación na súa páxina web do regulamento do proceso, aprobado polo Consello de Coordinación o pasado domingo. O martes quedará aberto o período de recollida de avais para a configuración de candidaturas, que deberán ser presentadas entre o 8 e 12 de outubro, día no que se iniciará a campaña.
As votacións desenvolveranse telematicamente do 18 ao 24 de outubro e, un día máis tarde, daranse a coñecer os resultados. As persoas que queiran votar no proceso deberán figurar como inscritos de Podemos Galicia 10 días antes do peche do censo, que se clausurará o 8 de outubro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.