Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2018 | Actualizada ás 14:38
O deputado de En Marea no Congreso Antón Gómez-Reino advertiu á deputada de Podemos nesta Cámara, Carolina Bescansa, que "Galicia non pode ser o retiro dourado nin o plan B de ninguén", ao ser preguntado pola posibilidade de que ela opte a liderar a formación morada en Galicia.
A preguntas dos xornalistas, após unha reunión co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, á que asistiu tamén a deputada de En Marea Yolanda Díaz, Gómez-Reino --que anunciou xa a súa intención de aspirar a liderar Podemos Galicia-- avogou por construír "unha candidatura de unidade".
Neste sentido, apelou á necesidade de que a formación morada estea "no centro do espazo de cambio" en Galicia. Para iso, considerou necesario unha candidatura "ampla e de unidade" á fronte do partido ante a decisión de Carmen Santos de renunciar á Secretaría Xeral de Podemos en Galicia.
Sobre a súa candidatura, remarcou que conta co apoio de "moitísimos militantes e a maior parte dos cargos públicos e orgánicos", algo que considerou necesario para conformar un Podemos en Galicia "forte e unido".
PECHAR "VELLOS DEBATES"
Cun "benvida a Galicia e á política galega" referiuse a Carolina Bescansa no caso de que finalmente decida dar o paso para presentar a súa candidatura á Secretaria Xeral de Podemos en Galicia.
Aínda así, advertiulle de que "o mandato" dos militantes é "claro". "Os inscritos piden unidade, non é o tempo de que ninguén veña aquí a vellos debates xa pechados". "É o momento de construír un Podemos unido e pensado desde o país", recalcou a este respecto.
Preguntado se falou con ela, manifestou que o farán no obxectivo de construír na formación morada "un espazo amplo". "Se quere vir a Galicia despois de 20 anos seguro que ten moito que achegar e para iso todas as portas abertas", sentenciou.
Cuestionado se el representa a corrente do secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, fronte a Bescansa, reiterou que "o importante é construír" e deixar "vellos debates". "É evidente que Pablo Iglesias é unha persona especialmente relevante para todos e todas, pero hai máis xente que está a participar do cambio en Galicia", dixo a este respecto.
En canto á posibilidade de que xurda en Lugo unha candidatura, confirmou que hai un colectivo que está a pór encima da mesa "demandas específicas", pero mostrouse convencido de que se poderán "sentir cómodos" na "candidatura de unidade" que, segundo insistiu, el presenta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.