Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2018 | Actualizada ás 14:00
O discurso de Clara Campoamor pedindo o voto para as mulleres negando que existise un “dereito natural” que impedise que a metade da poboación da República puidese votar. Logo veu o Golpe do 36 e seguidamente a submisión ao marido, ao pai, ao patrón ou ao irmán, mesmo á falta de referencias como persoa, pois nin sequera se podía ter diñeiro no banco se o titular non era masculino. Acabada a dictadura pasouse a unha situación onde as mulleres volveron ter dereitos, pero o desenvolvemento dos mesmos, corenta anos despois parece que van por vía lenta. Pero que dirían mulleres parlamentarias sobre igualdade a día de hoxe?
PSdeG
Se imos ao terreo político, por exemplo, a total paridade “na práctica non se chegou a ela, no Parlamento de Galicia tardamos en chegar a ela, non somos a metade, desde a oposición practicamente estamos superando o 50%, pero da parte do partido de goberno, non chega a un 41% de mulleres nas súas listas”. Quen así se expresa é Patricia Vilán, deputada polo PsdeG-PSOE que engade tamén “no goberno Feijóo son sete homes e catro mulleres cousa que di que queda moito por camiñar”. O caso é que para Vilán, o mesmo discurso de Clara Campoamor está vixente, por non dicir sen desenvolver, “queda case o mesmo, cando un revisa o discurso de Campoamor naquel momento, diría hoxe o mesmo, só que algo máis actualizado” e que ademais “incidía que o poder tiña que estar na man das mulleres e aí cambiaría o mundo e a maneira de facer as leis e iso segue vixente” para Vilán.
Existe o medo dentro do colectivo masculino fronte a unha igualdade real coas mulleres? “Medo non sei, existe reticencia e é así que cando se revisan os datos de traballo de base, no que estamos as mulleres en diferentes conexións, na empresa privada si, na pública non, o número de directivas en consellos de administración é moi baixo e nun mundo tan visible como é o da xudicatura, máis do 70% das traballadoras son mulleres, máis do 60% das xuízas de menos de 54 anos son mulleres, pero logo non hai mulleres presidindo ningunha sala do Tribunal Supremo e no Constitucional son minoría, agora hai unha fiscal xeral do Estado” di Vilán.
Non hai medo mais si unha resistencia a que as mulleres superen o chamado “teito de cristal”. Isto non se debe só a cuestións de reticencia unicamente, senón a cuestións como a fenda salarial e contratos a tempo parcial están ocupados maioritariamente por mulleres. Aínda que non o pareza, isto dificulta a chegada de mulleres a postos de responsabilidade. “E aínda quedan moitos homes en postos de responsabilidade que contrapoñen o feminismo ao machismo, cando o feminismo é loita pola igualdade real entre homes e mulleres”.
BNG
Noa Presas, deputada do BNG no Parlamento de Galicia “hoxe as mulleres temos recoñecidos uns dereitos legalmente pero vivimos unha ilusión de igualdade, porque esa igualdade non é sempre real”. Noa Presas sente que unha das expresións máis elevadas da sociedade machista onde nos desenvolvemos é “a violencia machista nos últimos meses ademais dunha falta de representación nos espazos de vida pública e nos espazos de poder”. O caso é sendo parlamentaria, Presas ve desde a súa posición “como aínda a pesar de estarmos en espazos de representación política, non temos unha representación ampla en moitos espazos e non se ten en conta a nosa opinión”.
O feito de non terse avanzado de maneira paulatina cara unha sociedade igualitaria explícase para Noa Presas no “profundas que son as raíces do patriarcado e o difícil que é arrincalas dentro dun sistema que é o social, o económico e que tamén é político” e que ademais “contou con todos os apoios en retrocesos legais que quixo impulsar a dereita española”. Entre eles os dereitos reprodutivos e recortes orzamentarias en políticas de igualdade. “O caso é que o patriarcado atravesa todas as áreas da sociedade e por iso é tan difícil de desmontar un sistema de privilexios pois hai moita xente que tería que renunciar a eses privilexios, o patriarcado renova sempre a súa máscara, tal cal o capitalismo”.
EN MAREA
Paula Quinteiro de En Marea cre que dentro do terreo político “déronse avances como recoñecer o dereito a votar, pero as mulleres seguimos sendo menos en postos de responsabilidade política, o reparto, quitando os ministerios do Goberno central, penso que en primeira liña hai máis homes que mulleres”. Quinteiro sinte que “as mulleres en política mesmo podemos ser xulgadas polo noso aspecto, non así os homes” o que ás veces leva a “comentarios sexistas dentro dos debates parlamentarios que escoitamos con alusións como señorita ou ao noso grao de coñecemento”. Sobre un posible cambio xeracional que reivindique un papel máis protagónico da muller, Quinteiro sinala que “o movemento feminista está sendo máis masivo e que hai moitas mulleres novas que están chegando con ganas de plantarse e dicir non queremos seguir nun segundo plano”.
PPdeG
Paula Prado, parlamentaria do PP, faría unha división entre a igualdade real e a formal. “Sobre a formal hai moita lexislación comezando pola Constitución, pero aínda persisten cuestións de desigualdade real no día a día”. Uns exemplos para Prado “pode ser que non te contraten por estar embarazada, que non se lle di directamente, discriminacións sutiles, logo está a fenda salarial, onde facendo traballos que tamén fan homes non teñen o mesmo salario nin pluses que si teñen os compañeiros varóns”. Sobre o exercicio libre de todos os dereitos das mulleres “existen trabas que deberían romperse e logo a maior manifestación de desigualdade que é a violencia de xénero onde non poden as mulleres exercer a súa liberdade”.
Dentro da política, Prado considera que “si existe o teito de cristal, pero como en todas as facetas da sociedade, noutras formacións vexo mulleres de moita valía e que chegamos polos nosos méritos” o que si ve necesario é “que as mulleres con postos de responsabilidade temos a responsabilidade de facer máis de cara conseguir máis igualdade”. Isto traduciríase en “que debemos poñer a axenda feminina dentro da axenda política”. Non obstante, o problema máis grave para Prado “é o da conciliación, porque se a muller se achegou ao 100% no mercado laboral o home non o fixo no que é o traballo no fogar, nos coidados dos nenos e das tarefas domésticas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.