Un detido en Lugo acusado de introducir billetes falsos de 100 dólares en España

A calidade do papel moeda impedía que os traballadores bancarios puidesen ver de primeiras a falsidade dos billetes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2018 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Nacional desarticularon unha organización adicada a introducir billetes falsos de 100 dólares no circuíto financeiro español. En concreto, foron detidas sete persoas: tres en Toledo, tres en Madrid e unha en Lugo, acusadas de delito de falsificación de moeda.

Comisaría de Lugo.
Comisaría de Lugo.

Así o informou a propia Policía Nacional nun comunicado remitido este mércores aos medios, no que tamén explicaron que a calidade do papel moeda impedía que os traballadores bancarios se decatasen en primeira instancia da súa falsidade.

En concreto, os investigadores deron comezo no principio do ano, cando dende o Banco de España se comunicou a detección de numerosos billetes de 100 dólares que presentaban o mesmo tipo de falsificación, que non puidera ser identificada nas oficinas bancarias e de divisas de Madrid e Toledo nas que foran presentados.

INCAUTADOS BILLETES POR UN VALOR TOTAL DE 9.800 DÓLARES

As pescudas dos investigadores permitiron a localización dos membros da organización que introducía as falsificacións. Operaban realizando nun mesmo día numerosos ingresos de papel moeda fraudulento e en diferentes entidades bancarias, cuxos traballadores non podían recoñecer o engano ata que, posteriormente e despois dunha análise máis detallada, descubríase a falsidade dos billetes.

A operación culminou coa detención dos sete integrantes da organización, a quen unen vínculos familiares, tres en Toledo, tres en Madrid e un máis en Lugo. Así mesmo, os axentes incautáronse de 9.800 dólares falsos en billetes de 100.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta