Oleiros e a liña de costa, territorio de ninguén?

O accidente do Marisquiño en Vigo abriu a caixa dos tronos en canto asunción de competencias e responsabilidades en áreas marítimo terrestres. Un caso parecido por ter ocorrido na liña costeira, sucedeu no mes de setembro cando dúas persoas caeron en antigos embarcadoiros no lugar do Seixo, Concello de Oleiros. As autoridades municipais din que as competencias nesa área son de Demarcación de Costas.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O lugar do Seixo está situado na parroquia de Liáns, Oleiros. Aí sitúase un parque no que anteriormente fora unha finca particular segundo contan veciños da zona. A particularidade deste terreo é que nel, en tempos en que era propiedade privada, escaváranse dúas foxas para crear senllos embarcadoiros para acceder desde a finca á ría. O motivo dos foxos foi a altitude do lugar a respeito da superficie da auga.  A cuestión é que a finca pasou a dominio público e actualmente é un parque municipal onde xogan nenos e veciños de Oleiros e Cambre pasan a diario.

Embarcadoiro de Oleiros horas despois do primeiro accidente de setembro
Embarcadoiro de Oleiros horas despois do primeiro accidente de setembro | Fonte: Burato do Garaxal

A madrugada do sete de setembro un veciño que vivía perto desta área recreativa caeu a un dos foxos. A zona segundo contan fontes veciñais “non está alumeada e o burato mide tres metros de caída”. O veciño quedou inconsciente e cando acordou, chamou á súa muller que fixo o propio con emerxencias, dando co seu marido. Logo dunha primeira revisión, viron que este home tiña catorce ósos rotos e un pulmón ferido polas estelas de óso.

Máis recentemente, o día 24 de setembro, un neno de nove anos que paseaba en bicicleta caeu no mesmo embarcadoiro. “Este non está sinalizado, o outro ten unha baranda” din as fontes veciñais que consultou Galicia Confidencial. O resultado da caída foi que o menor tivo un traumatismo craneoencefálico leve pero logo se informou de danos no bazo e nun pulmón.

POR QUE CAERON?

“Antes había unha toxeira que arrodeaba eses foxos de maneira que a xente non se achegaba porque terían que atravesar esa zona de espiños, pero cando o Concello decidiu limpar toda esa área, os embarcadoiros quedaron sen barreira natural que impedise o paso” di unha das veciñas da zona. O caso é que esta zona é utilizada por veciños de Cambre e Oleiros en grande número. Mesmo o límite entre os dous municipios vese cando o paseo marítimo de Cambre remata e na parte de Oleiros comeza o parque sen paseo. “Hai tres anos caeu tamén un ciclista” di a veciña.

Embarcadoiro días despois sinalado pola veciñanza
Embarcadoiro días despois sinalado pola veciñanza | Fonte: Burato do Garaxal

En 2016 colocamos unhas estacas cunha fita de plástico para limitar e sinalizar o lugar” din desde a asociación “O Burato do Garaxal”. En vista de que a sinalización do lugar non era resolta por autoridade ningunha, “volvimos colocar outra fita con estachas para evitar que houbese outro accidente”.  A cuestión é que a seguridade e o mantenemento do lugar, segundo fontes municipais corresponde a Costas. As mesmas fontes locais indican que o feito de teren limpado a zona de toxo e matogueira, non indica que iso sexa competencia municipal, simplemente que se fixo un traballo que lle correspondería á Demarcación de Costas.

RESPONSABILIDADES

O día vinte e sete de setembro, nun pleno do Concello, a muller do home ferido e actualmente convalecente e de baixa, protestou na sesión ante o que considera pasividade municipal. Foi desaloxada pola Policía Local por orde do alcalde Ángel García Seoane. “Do meu marido dixo que tamén hai persoas que se botan nos pasos de peóns para cobrar un seguro e do neno que era responsabilidade do adulto que ía con el” di a muller do ferido, que tamén afirma “que se é responsabilidade das persoas, pois entón peche o parque”.

A cuestión é que agora mesmo a zona está delimitada por unha fita de cores colocada por veciños. É un intento de evitar na medida do posible futuros accidentes. “Pero ademais, logo de ser desaloxada o alcalde dixo que se poría a disposición das familias” di a muller do adulto accidentado, “cando ata o de agora non recibimos nin unha chamada de interese”. Pero a delimitación non parece ser a solución definitiva e así, parte da veciñanza pide o peche provisional da zona.

Mentres desde o Concello insisten que as persoas afectadas deben dirixirse a Costas “que ten as competencias” e que a administración municipal non ten competencia ningunha nesa zona marítimo-terrestre. Galicia Confidencial púxose en contacto co Ministerio de Transición Ecolóxica de quen depende a Demarcación de Costas sen que polo de agora haxa comunicado algún.

En todo caso, a asunción de responsabilidades na área marítimo-terrestre non parece prato de bo gusto para ninguén, cousa que xa saíu no accidente do Marisquiño e que o alcalde de Oleiros xa apresurou nos medios a non comparar o acaecido no seu termo  municipal co accidente de Vigo. Todo indica que a solución para ver quen asume responsabilidades levará moito tempo, se é que nalgún momento se dilucida quen ten ditas responsabilidades, polo de agora non hai unha resposta en firme. Mentres a seguridade de usuarios e usuarias do parque podería seguir en cuestión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

Se é da demarcación de costas, non " é de ninguén". Xa hai una administración responsable. Faciliño de entender.

1 Gamela

Noutros casos a zona de servidume é un magnífico negocio para algúns espabilados !!! https://flic.kr/p/wuJoWD Pero nestes casos non hai quen abra a boca !!! https://flic.kr/p/vQcy8E O acceso controlado é unha expropiación ilícita da que se benefician os de sempre! https://flic.kr/p/fcf84J