Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2018 | Actualizada ás 22:00
O cultivo do eucalipto no norte de Galicia é paradigma de boa xestión do monte, e a súa máis evidente consencuencia é o baixo número de incendios. Por outra banda, esa xestión estaría facilitando encher o mercado de producto madeireiro en diferentes áreas. O segmento que máis consome é o da pasta de papel, sobre todo a empresa de Ence coa súa planta en Navia. Cara a vila asturiana podería calcualrse un tráfico diario de “entre douscentos e trescentos camións indo e vindo pola estrada” din produtores de madeira.
Un tráfico tan intenso de vehículos pesados podería saturar facilmente as estradas colapsando o tráfico. Isto podería solventarse mediante o uso de vías alternativas como o tren ou o transporte marítimo. Mais estas dúas alternativas están a baixo rendemento actualmente. Outra pata deste mercado é iso, o mercado, a compra e venda de madeira. Quen vende? Como se vende? A que prezo? E sobre todo, quen compra?
MODELO PRODUTIVO
A masa forestal de eucalipto no norte de Galicia “son case vinte quilómetros de eucalipto” di Ramón Reimunde, propietario de montes e membro de Promagal, Asociación de Produtores de Madeira de Galicia, que ten presenza na área referida do norte. A asociación naceu coa intención de agrupar os pequenos produtores de madeira e faceren peso fronte ao que consideraban prezos baixos na madeira. “Ás asociacións págaselles un euro máis por tonelada e se fas o que se chama couto redondo, cortas en propiedades arredor e en vez de 1.000 tes 2.000 toneladas de madeira, incremetaríase o prezo un euro máis”.
Pero indo ao modelo, a cuestión máis sinalada pola industria é a escasa incidencia do lume nesta área, atribuida á boa xestión do monte nesta parte de Galicia. Fins Eirexas, de ADEGA, describe esta situación como “un discurso ben elaborado por Ence para dicir que un monte ben ordenado non arde”. Esa ordenación estaría baseada en “fincas extensas e poucos propietarios, ademais dunha baixa densidade de poboación, cousa contraria no sur de Galicia”. Estes dous enlaces mostran as hectáreas da Mariña fronte ás de Baixo Miño, Caldas e O Condado. Só hai que comparar os números.
Este modelo de ordenación implicaría a limpeza dos montes, a plantación ordenada e sobre todo, en teoría, un sistema de prevención contra o lume. “Se vas pola beira da estrada ves que está rozado segundo as normas, pero se entras no monte está todo cuberto de felga (fieito) e toxo, porque resulta caro limpar o monte e non se gasta neste punto” di Reimunde. “Ence “esquece” apuntar o principal factor que impide o lume, o clima, o norte de Lugo e Coruña é máis húmido, con máis días escuros que o sur” afirma Fins Eirexas. “Se os efectos de cambio climático cambian as condicións na Mariña e en Ortegal, teriamos o mesmo problema de lumes que houbo no sur” apunta Reimunde. Por tanto, o sistema “modélico” de produción madeireira no norte galego non o sería tanto.
PRODUCIÓN E VENDA
“Hai moita xente que non se informa sobre os prezos e as condicións de venda, xente maior ou xente nova que descoñece o funcionamento deste sistema” explica Reimunde. Para vender a madeira podería facerse directamente á pasteira mediante contrato, ou senón, mediante un intermediario. “Son os madeiristas ou rematantes contactados polos propietarios, estes intermediarios fan unha oferta da madeira en pé (sen cortar), se hai acordo, págaselle o diñeiro ao propietario e logo o remantate envía a madeira despois de negociar coa empresa” din desde a Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, ou Lugo Madera. Por tanto, os prezos en moitos casos son negociados entre propietario e rematante ou madeirista.
Ramón Reimunde amplía isto dicindo que “o ideal sería vender sen intermediarios”. No caso de produtores asociados como Promagal, a factoría de Ence en Navia compra case toda a madeira da Mariña lucense. “A empresa enviou un comprador para facer unha oferta fixa, 31,25€ máis IVE coa madeira sen coda, que coais cando soubo que polo medio había unha asociación rebaixou os prezos un euro por tonelada”. A contradición foi cando a mesma asociación contactou cun intermediario que lles comprou o produto polo primeiro prezo.
No caso de vender directamente á empresa, “Ence prepara un contrato de quince páxinas no que amarra todo” di Reimunde que tamén aclara “a empresa fai unha subcontrata para a corta, a limpeza da madeira, a carga e o transporte, a fin de mes ingresa o diñeiro acordado ao propietario”, á parte os gastos da subcontrata. O caso é que se se quere vender directamente á empresa, esta só faría ese traballo se a madeira estivese a pé de estrada, é dicir, sen dificultades no transporte.
O TRANSPORTE
Outra das teimas é o transporte cara a empresa. “Ence ten un prezo fixo de 60€ por tonelada de eucalipto para os transportistas, prezo fixo” di Reimunde como tamén son fixos os prezos de 31,25 euros “que non varían desde o un de xaneiro ata o 31 de decembro”. Pero indo á cuestión do transporte Reimunde sinala o seguinte “en Xove, Lugo, cárgase un tren con destino a Euskadi, déixase na estación e vaise enchendo, cando está completo sae para o seu destino”.
Pregunta, ese mesmo tren podería descargar en Navia? Non, porque a empresa non ten acceso á vía ferroviaria. Cousa que si acontece coa empresa Portucel, en Portugal. “Desde o porto de Ferrol sae en tren, insisto en tren, madeira cara Portugal porque a empresa ten acceso por vía ferroviaria” aclara Reimunde. E por vía marítima? “Desde o porto de Burela saiu un buque pequeno en dirección a Islandia, logo desde o porto de Ferrol pode saír tamén madeira, pero sobre todo vai en tren”. O caso é que o transporte por estrada cara a Navia faise hoxe maioritariamente pola A-8.
Lugo Madera apunta ademais as diversas taxas, avais e ordenanzas que gravan o transporte por vía terrestre. “As menos gravosas son as estatais e as autonómicas sendo as municipais e provinciais as máis caras debido a esas taxas e ordenanzas sobre as vías locais e provinciais”.
QUEN MERCA?
“Estamos condenados a venderlle a Ence Navia” di Ramon Reimunde. Entre os motivos está o encarecemento do transporte se se leva a madeira a Ferrol. De nove euros no porte, podería subir o dobre ou máis. “Esta empresa está metendo nos seus dixestores 5.000 toneladas de eucalipto para pasta de papel”. A pasta de papel logo é vendida para a fabricación do produto, porque a factoría asturiana só fai o primeiro proceso. “Se facer unha tonelada de pasta de papel lle custa a Ence, 377 euros, a empresa véndea por 1.020 euros, por tanto tén un beneficio de case setecentos euros por tonelada vendida” apunta Reimunde con prezos estimados.
A impresión que teñen quen analiza esta situación é que non hai unha lei de oferta/demanda neste mercado. Todo vai parar a Ence Navia. Os beneficios non repercuten directamente na zona, senón que as ganancias van a Bolsa e así a empresa cotiza en positivo. “Os propietarios que venden teñen unha serie de puntos que son intercambiables por produto como eucalipto listo para plantar ou abono” pero eses produtos “son da propia fábrica, é dicir danche produto seu pero non queren aumentar o prezo da madeira 1 euro por tonelada”.
A visión de varios propietarios é que Ence Navia domina todo o mercado da Mariña en canto madeira para pasta de papel. “A administración non quere meterse aí, porque din que é o mercado quen regula”. Mais o mercado está practicamente dominado por un só comprador que pon as condicións sobre a mesa.
CONCLUSIÓNS
Existe unha falsa crenza de que a madeira na Mariña luguesa non ten perigo de arder por boa xestión. “O clima é o que nos vai safando” coinciden Fins Eirexas e Ramón Reimunde. Por tanto é a climatoloxía a grande aliada da pouca presenza de lumes. O prezo da madeira é case invariable e o beneficio da pasteira de Ence en Navia é alto. Os propietarios de madeira poden vender por intermediarios ou directamente á empresa cun contrato sempre e cando as condicións sexan as que lle interesa á pasteira.
O transporte por estrada é o máis usado. As comunicacións ferroviarias non existen directamente coa empresa, cousa que baixaría os custes de loxística, e por mar é moi pouco o que sae da Mariña. O mercado ten un único comprador que pon as súas condicións a produtores, ben aillados ou en asociación. O sistema produtivo modélico, por tanto, non é tal tendo en conta variantes que son silenciadas pola industria e os intereses xerados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.