Ciudadanos quere saber se a Xunta controlou o uso do diñeiro público entregado a Povisa

A portavoz en Galicia, Olga Louzao, presenta unha "batería de preguntas" ao Goberno sobre a situación do hospital privado.

Por E.P. | VIGO | 18/10/2018 | Actualizada ás 15:38

Comparte esta noticia

A portavoz de Ciudadanos en Galicia, Olga Louzao, presentou na mañá deste xoves unha "batería de preguntas" ao goberno da Xunta no Parlamento Galego para coñecer o estado "real" das contas do hospital privado de Vigo Povisa e se estaban sometidas a unha auditoría por parte da Administración.

Olga Louzao fronte á porta principal de Povisa en Vigo.
Olga Louzao fronte á porta principal de Povisa en Vigo. | Fonte: Europa Press

"Queremos saber se a Xunta levou a cabo algún tipo de control ou de auditoría sobre as contas de Povisa durante estes anos", aseverou Louzao.

A portavoz pide á Xunta que informe de se controla que os "fondos públicos" destinados a Povisa teñen unha "finalidade eficiente" e "cobren" as necesidades asistenciais.

Louzao trasladouse á porta principal de Povisa para avanzar o contido das súas preguntas, presentadas no rexistro do Parlamento e que necesitan que un grupo político con representación parlamentaria as asuma como propias para que cheguen ao equipo de Feijóo.

A portavoz de C's decidiu interpelar á Xunta para saber "se tiña coñecemento" do estado "real" das contas de Povisa no exercicio de 2017, pois alegou que os informes da auditoría "aínda non se presentaron" ante o rexistro mercantil.

Louzao insistiu na súa intención de coñecer "se isto é tan grave como mantén a dirección do hospital" e reiterou que a Xunta ten que explicar se os 75 millóns de diñeiro público que o Sergas achega a Povisa, segundo o convenio asinado en 2014, teñen un "uso eficaz".

A representante de Ciudadanos explicou que non mantivo ningunha reunión cos dirixentes de Povisa, pero que ten "coñecemento" da "situación de precariedade" dos traballadores por parte dos comités destes últimos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta