Por Galicia Confidencial | Madrid | 25/10/2018 | Actualizada ás 11:35
“El Ferrol”, “Bayona”, “Sanjenjo”, “La Guardia”, “Lage”, “El Grove”, “Puebla del Caramiñal”, “Santa Eugenia de Ribeira” ou “Isla de la Toja”. Son topónimos deturpados que seguen aparecendo na Web do Ministerio de Fomento e que a deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, pedíu que se “corrixa de imediato”.
Por iso, a través dunha iniciativa parlamentaria, trasladou o seu “estupor” pola falta de respecto do Ministerio ás normas establecidas en materia lingüística. “Na web de Fomento, na sección de Marítimo, e pulsando as Capitanías Marítimas, vemos na relación de Capitanías e Distritos Marítimos, como se usan formas toponímicas totalmente esperpénticas, incluso propias da ditadura de Franco como é o caso de El Ferrol”, dixo.
A parlamentar de En Marea reclama a Fomento que usen as formas toponímicas oficiais: Laxe, Ferrol, Baiona, A Guarda, Santa Uxía de Ribeira, Pobra do Caramiñal, O Grove, Illa da Toxa e Sanxenxo. Tamén pide que se remate definitivamente con este tipo de situacións e que Fomento proceda a realizar unha revisión a fondo da web, da documentación e de anuncios porque son habituais os incumprimentos nesta materia.
“Debería remitir a todos os organismos do Ministerio e a toda a súa estrutura o nomenclátor oficial de Galicia que está recollido na páxina web da Xunta como a forma de evitar as deformacións da nosa toponimia”, conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.