Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2018 | Actualizada ás 22:35
Na primeira sesión do xuízo, na que só se debateron as cuestións previas, púidose escoitar aoS procesados --Prado Bugallo, a súa primeira muller, a súa excuñada, a súa filla e un socio-- nunha única ocasión, para confirmar que coñecían os feitos polos que ían ser xulgados e para rexeitar os cargos.
Un a un, o catro acusados responderon á pregunta do maxistrado Xosé Xoan Barreiro Prado, indicando que coñecían os feitos polos que están a ser xulgados, para rexeitar posteriormente os cargos que se lles imputan. O avogado de Sito Miñanco, Gonzalo Boye, expuxo nas cuestións previas o efecto impeditivo de "cousa xulgada", é dicir, que neste proceso xudicial por branqueo de capitais hai a preexistencia dunha sentenza firme ditada sobre o mesmo obxecto. En concreto, o letrado aludiu á existencia de "informes idénticos" por parte do perito principal nesta causa e na investigación ao redor da Inmobiliaria San Saturnino sobreseída no seu momento nos xulgados de Vilagarcía e Cambados, aínda que o arquivo nesta última sede xudicial foi revogado pola Audiencia de Pontevedra.
PRESUNCIÓN DE INOCENCIA
Gonzalo Boye tamén alegou que na sentenza da Audiencia Nacional do ano 1993, que impuxo a Miñanco unha pena de 20 anos de reclusión e unha multa de 205 millóns de pesetas por un delito de tráfico de cocaína, "vulnerouse o seu dereito de defensa". Por mor daquel xuízo, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo (TEDH) condenou a España a indemnizar ao narcotraficante cambadés con 7.000 euros polas escoitas telefónicas que realizou a policía durante a investigación. Hoxe, Boye reiterou que "non debeu ser condenado", polo que presentará un recurso para ese efecto nesta causa, por, entre outras razóns, "incumprir a normativa comunitaria de presunción de inocencia".
Desde a súa entrada no Pazo de Xustiza, Sito Miñanco non se desprendeu dun exemplar da revista Interviú do ano 1983, que publicaba un artigo titulado 'Conexión galega. Contrabando: toda a verdade', ao que fixo referencia Gonzalo Boye. O letrado esgrimiu que o seu defendido mantiña entón "unha actividade perfectamente lícita", argumentando que naqueles anos vivía en Bélxica, onde "tiña unha empresa comercializadora de tabaco" e que "pagaba impostos". Para acreditalo, presentou documentación "traducida do idioma flamenco".
NULIDADE DE TODO O PROCESO
Por outra banda, o avogado do construtor José Alberto A., acusado pola Fiscalía como home de palla de Sito Miñanco, pediu "a nulidade de todo o actuado, sen excepción e tamén sen posibilidade de reapertura" do caso. Tamén se adheriu ás cuestións previas expostas polo avogado Gonzalo Boye "de forma brillante". O avogado do empresario alegou que, no caso deste acusado, non se respectou o principio da tutela xudicial efectiva, causando "indefensión". Ademais, dixo que o seu defendido permaneceu "alleo" a este proceso durante catro anos e "non puido recorrer a ningunha instancia xudicial".
Tras asegurar que o seu cliente non participou en ningunha operación de tráfico de drogas, afirmou que "se a especulación urbanística fose un delito, medio país tería que estar no cárcere" e instou á Fiscalía a que precise "con que alixo de droga se puido obter beneficio" para poder financiar as operacións urbanísticas que están baixo sospeita. A Fiscalía Especial de Delitos Económicos de Pontevedra e da Axencia Tributaria sinalan a este empresario por acumular un patrimonio inmobiliario valorado en dez millóns de euros que, apuntan, procedían do narcotráfico. O Ministerio Público asegura que era unha operación de branqueo levada a cabo en conivencia co resto de persoas que sentan no banco. Igualmente, os representantes legais da exmuller, a excuñada e a filla maior de Prado Bugallo, reclamaron o sobresemento da causa e mesmo a prescrición de todos os delitos.
FISCALÍA
O fiscal, Jesús Calles, indicou que "non procede estimar as cuestións previas expostas" e opúxose á proba presentada. Ademais, impugnou a alegación de prescrición dos feitos ao entender que é un delito de branqueo continuado no tempo. Tamén descartou que houbese unha causa anterior "prospectiva" ou unha "intervención indiciaria" e, respecto da "cousa xulgada", o fiscal rexeitou as valoracións dos avogados por tratar de "inducir confusión" en relación ao procedemento de Vilagarcía que, segundo aclarou, tiña por obxecto investigar a unha serie de empresarios para saber se tiñan algunha vinculación co narcotráfico.
Segundo Jesús Calles, aquela investigación do Xulgado de Vilagarcía alertou da implicación da Inmobiliaria San Saturnino, pero "sen facer unha especial análise" e dando paso á separación desta causa. Tras a formulación das cuestións previas, os maxistrados da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra suspenderon a sesión, que se renovará o vindeiro luns ás 10,15 horas.
DELITOS XULGADOS
A defensa do narcotraficante Sito Miñanco, reiterou este xoves que o cambadés debe saír absolto do xuízo por suposto branqueo de capitais provenientes do narcotráfico, xa que os feitos que analiza a Audiencia de Pontevedra están en parte xa "xulgados" e en parte "prescritos". O letrado confirmou que Sito Miñanco "vai colaborar en todo o que se poida".
Os avogados da defensa expuxeron unha serie de cuestións previas e presentaron novas probas que a Sala resolverá ben cando se retome a vista, este luns, ou na propia sentenza. Será a partir da próxima semana cando empecen as declaracións dos acusados. O avogado de Sito Miñanco, Gonzalo Boye, expuxo ao tribunal provincial que os cargos polos que senta no banco o seu cliente son xa "cousa xulgada", debido á existencia dunha causa anterior "que se arquivou porque o fiscal solicitou que fose sobreseída" por non ser os feitos constitutivos de delito. "Son os mesmos feitos polos que se lle está axuizando neste caso", argumentou Boye. "O fiscal estaba nervioso por iso mesmo", valorou este letrado tras a vista. "O Ministerio Fiscal parece ser que non repasou moito a Lei de Enjuiciamiento Criminal", engadiu.
PIDE A ABSOLUCIÓN
A estas alturas do procedemento non se pode pedir unha resolución xudicial que termine co proceso, polo que a defensa de Prado Bugallo expón que "hai unha parte da causa que está xulgada e a outra estaría prescrita", ao entender que todos os exercicios do ano 1999 ao 2008 "foron os que se investigaron" por parte do xulgado número 2 de Vilagarcía, "son os que o fiscal pediu que fosen sobreseídos".
Ademais, este xoves achegou documentación da empresa Medina Trading de Bélxica, a través da cal Sito Miñanco realizaba o seu negocio de tabaco "perfectamente legal", acreditando a cantidade de diñeiro que gañaba e "que estaba declarada á facenda pública belga". Por estes motivos, a súa conclusión é que Sito Miñanco debe saír absolto. Durante este xuízo, José Manuel Prado Bugallo ten previsto contestar "a todas as preguntas que se lle fagan" o próximo día durante a vista oral. "Vai colaborar en todo o que se poida", dixo o seu letrado, que lembrou que se trata de "feitos de fai 30 ou 35 anos", polo que "non será fácil acordarse de todos os detalles". Segundo o seu avogado, Sito Miñanco "está moi ben, está tranquilo e pendente do xuízo". No cárcere, mantén "un réxime de vida normal", tras estar en illamento na Lama.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.