A nova 'Guía dos elementos químicos', "un paso máis no proceso de galeguización" da ciencia

O Centro Ramón Piñeiro edita esta obra, coas novas denominacións aprobadas recentemente para os últimos elementos descubertos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/10/2018 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), por medio do Proxecto Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega (Termigal), editou a nova Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións, unha publicación divulgativa continuadora da obra O nome e o símbolo dos elementos químicos (2006), coa que se pretende dar a coñecer os elementos que conforman a táboa periódica na lingua propia de Galicia.

Presentación da 'Guía dos elementos químicos'
Presentación da 'Guía dos elementos químicos' | Fonte: Xunta.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, sinalou na rolda de prensa de presentación “que se trata dunha importante achega ao eido científico-técnico, coa que quere avanzar un paso máis no proceso de galeguización deste ámbito de especialidade, así como apoiar ao profesorado, ao persoal investigador, ao alumnado e a cidadanía en xeral para desenvolver sempre a comunicación, o ensino e a aprendizaxe científica desde o galego”.

García Gómez destacou da nova publicación “que incorpora as novas denominacións aprobadas recentemente para os últimos elementos descubertos, o que contribuirá a estandarizar a súa denominación en galego” e que “o Ramón Piñeiro se suma a través dela ás iniciativas de conmemoración da creación da táboa periódica por Dmitri Mendeleev, que no ano 2019 celebrará o seu 150º aniversario, feito polo que a ONU acordou proclamar ese ano como o ano internacional da táboa periódica”. Acompañárono na presentación o coordinador científico do CRPIH e director de Termigal, Manuel González; e os autores, Manuel Rafael Bermejo Patiño, Ana María González Noya e Marcelino Maneiro Maneiro.

A Guía dos elementos químicos é unha publicación divulgativa coa que se pretende dar a coñecer os elementos que conforman a táboa periódica e que ofrece datos de interese para cada un dos elementos coñecidos desde unha perspectiva lúdica e didáctica, a fin de sorprender tanto aos lectores vinculados profesionalmente á química como a aqueles alleos a esta materia.

A obra componse de 118 capítulos, un por cada elemento químico coñecido —desde o hidróxeno, co número atómico 1, ata o oganesson, co número 118—, cunha sección final dedicada aos intentos levados a cabo para a sintetización do elemento 119.

En cada capítulo inclúese información xeral do elemento (masa atómica, estado en condicións estándar, densidade e puntos de fusión e de ebulición), seguidos da historia do seu descubrimento, os nomes elixidos para a súa designación, a súa concentración na codia terrestre, os métodos empregados para a súa obtención, as súas propiedades e aplicacións e finalmente a súa importancia biolóxica. Cada un dos elementos acompáñase ademais de diversas imaxes relacionadas co texto, o que confire ao volume un maior atractivo para os lectores.

Este libro incorpora as denominacións aprobadas recentemente pola Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC) para os últimos elementos descubertos (nihonio, moscovio, ténnesso e oganesson), o que sen dúbida contribuirá a estandarizar a súa denominación no galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 anonimo

Boa nova. Cando poderemos escribir Júpiter para chamar ao planeta como fan en inglés, francés, portugués, castelan ou alemán? Cada idioma coa sua fonética, o J non é exclusivo do castelan como acabamos de ver...en ningún deses idiomas pronunciase ao xeito do castelan, no galego tampouco!

1 Estralampa

Caro Anónimo, acouga dos teus pesares. Logo não sabias que em galego Júpiter sempre foi e será Júpiter? Ti esquece as normativas deturpadas e abraça o galego internacional, verás como se abrem diante de ti um mundo cheio de marabilhas!!!

2 CPwj

Concordo com você, meu comentário só era algo de retranca. Ao ver escrito ténnesso e oganesson pensei que já que neste caso não se fazia seguimento do castelhano, seria uma boa ideia deixar de fazê-lo nos demais casos e começar coa unia maneira de salvar o Nosso Idioma que não é outra que o achegamento ao português (português do Brasil em particular). Falando o meu galego no Brasil diziam-me “você fala muito bem o português”, ainda que não fosse certo. Falando o meu galego na Galiza só me diz “hábleme en cristiano”.