Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/11/2018 | Actualizada ás 16:42
A asociación Xornalistas Galegas preséntase publicamente este sábado 10 de novembro, no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela, ás 11 horas, sendo o acceso libre.
No acto estará a xornalista Margarita Ledo e a teórica feminista e escritora Rosa Cobo, dúas figuras que, segundo a propia asociación, "representan os piares nos que se basea este novo colectivo: avanzar na consecución dun xornalismo con perspectiva feminista cun claro obxectivo: acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria, na que se vexan erradicados os estereotipos de xénero".
A asociación está formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación: xornalistas, fotoxornalistas, comunicadoras, formadoras, investigadoras, técnicas audiovisuais e demais produtoras de información, e nace co obxectivo de impulsar a produción dun xornalismo con perspectiva feminista que se reflicta tanto na información que se publica como nas condicións nas que traballan estas profesionais.
PROTAGONISTAS
Margarita Ledo, é xornalista, escritora, cineasta e axitadora cultural feminista, catedrática de comunicación audiovisual e publicidade da Universidade de Santiago. Ledo foi unha das impulsoras da creación da Facultade de Ciencias da Comunicación en Compostela e a súa primeira decana. Ideou e dirixiu o semanario A Nosa Terra, é membro da Real Academia Galega e a primeira muller en recibir o premio Otero Pedrayo.
Rosa Cobo é unha destacada teórica feminista, profesora de Socioloxía de xénero na Universidade da Coruña e directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da mesma universidade, na que dirixiu tamén o Máster sobre Xénero e Políticas de Igualdade. Cobo imparte cursos e conferencias sobre socioloxía de xénero e teoría feminista en España e en distintos países de América Latina.
Trala intervención de Ledo e Cobo, integrantes do colectivo debullarán as liñas de traballo e os obxectivos nos que se centrará a asociación nos próximos meses. No acto detallaranse os propósitos que perseguen as iniciativas do colectivo Xornalistas Galegas, e as actuacións levadas a cabo ata o momento.
Unha mesa redonda de mulleres destacadas na súa profesión responderán á pregunta: Por que é necesario un xornalismo con perspectiva feminista? Moderado pola xornalista Antía Díaz, o panel de expertas estará formado por: Paz Filgueira: xuíza titular do Xulgado de Familia número 12 de Vigo, foi titular do xulgado especializado en violencia de xénero desa cidade; Joana Magalhães: investigadora no Instituto de Investigación Biomédica da UDC, participa en proxectos de comunicación de ciencia dende a perspectiva de xénero; Alba Nogueira: doutora en Dereito, é profesora titular da USC en Dereito Administrativo e investigadora principal do grupo ARMELA da Universidade de Santiago, a Rede de investigación en Igualdade, Dereitos e Estado Social; Silvia Pérez Freire: socióloga e investigadora especializada en violencia de xénero e docente na Universidade de Vigo, coordinou o equipo de servizos sociais dirixido á poboación en prostitución da Asociación Feminista Alecrín; María Xosé Porteiro: licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, xornalista e escritora, cunha longa traxectoria profesional no eido da comunicación; Elena Roca: licenciada en Ciencias da actividade física e o deporte, é a primeira xogadora internacional galega de rugby. Campiona de Europa, terceira no Seis Naciones e tres veces mundialista, e feminista.
Para rematar, darase paso ao debate no que todas as persoas asistentes están convidadas a participar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.