Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2018 | Actualizada ás 22:00
As últimas estatísticas apuntan un aumento dos casos de sarampelo en Europa. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), máis de corentamil persoas infectáronse desta doenza contaxiosa durante o primeiro semestre de 2018 e trinta e sete mortos. Un caso de difteria en Cataluña, o primeiro desde 1987, a consecuencia; un neno de seis anos morto. E a cousa podería seguir para adiante, porque nos últimos anos a cantidade de persoas contrarias ou excépticas ao uso preventivo das vacinas foi en aumento. E o sorprendente é que moitas e moitos dos adeptos a esta posición contraria á medicina preventiva, son xentes que proceden de ámbitos nada sospeitosos de ignoracia, mestres, licenciados, xentes con preparación superior, etc.
No primeiro fin de semana de marzo organizouse a feira Biocultura pola asociación Vida Sana na Coruña. Días antes de que a feira abrise as portas saltaron as alarmas. Catro conferencias relacionadas coa vacinación foron retiradas do programa. O motivo é que ademais da polémica sobre a non vacinación, desde o grupo que apoia o goberno da Marea Atlántica na Coruña xustificouse esta acción en que “ estas conferencias, todas organizadas pola Liga por la Libertad de Vacunación, promoven una práctica de non vacinación que unha administración pública non debe apoiar”.
O MOVEMENTO ANTIVACINAS
“Este movemento naceu desde que naceron as vacinas, penso que vén un pouco como un acto de rebeldía contra cuestións impostas” di o investigador e doutor en Química, Manuel Vicente, “é como se dixesen; por que o goberno ten que velar pola miña saúde? Se o levas a un extremo é como se se negase un a poñer o cinto de seguridade no coche dicindo, por que teño que poñelo?”. Vicente tamén fai mención á “teoría da conspiración” sobre a saúde, aquelas que apuntan aos intereses das farmacéuticas para venderen medicamentos e por iso se recorre aos chamados remedios naturais. Este punto, o da conspiración e venda de medicamentos é dos máis usados polos antivacinas.
“O sorprendente é que moitas persoas implicadas neste movemento son xente con un alto nivel de estudos” apunta Manuel Vicente, “non falamos entón de persoas con baixos recursos ou coñecementos”. O motivo pode estar, como xa se apuntou, a unha postura contraria a sistema de medicina convencional. Mais tamén sorprende que este movemento se teña esparexido en progresión xeométrica nos últimos decenios. “A Internet serviu para achegar as ideas antivacina a lugares aos que antes non chegara”, por tanto aumentou a visibilidade.
Tamén é certo que en países da Unión Europea existen posturas políticas conformes coa idea de liberdade de vacinación. Porque esta é outra das posturas defendidas polo movemento antivacinas, que non son tal. “Denfedemos a liberdade de elección de vacinar” é unha das frases de Xavier Uriarte, un dos principais espoñentes da postura contraria ao uso obrigatorio de vacinas. “Se hai políticos que apoian estes movementos, o máis seguro é que vexan votos detrás deles, pero o que non se explica un é que no feito de non vacinarse vai contra o ben común, contra o propio interese da sociedade” declara Manuel Vicente. “Non vacinarse é un acto egoísta, porque se ben a inmensa maioría da poboación está vacinada, hai unha inmunidade de grupo que os protexe, pero estas persoas non inmunizadas non participan desa inmunidade de grupo por iso digo que é unha postura egoísta”.
A efectividade da inmunización contra determinadas doenzas precisa de taxas moi altas de persoas vacinadas, case chegando ao 95% da poboación, para ter unha comunidade protexida fronte a infeccións. “Pero para min existen bulos que xa están desmentidos, como é o da triple vírica (contra o sarampelo, papeiras e roseola) creado por Andrew Jeremy Wakefield, quen aseguraba a asociación entre autismo e a triple vírica”. Wakefiel escribira un artigo na revista médica The Lancet en 1998 para demostrar a suposta relación entre a vacina tripla e a aparición de autismo nos nenos. Finalmente, púidose demostrar que os supostos efectos detectados por Wakefield non puideron reproducirse noutros laboratorios. Co tempo a este ex-cirurxián mesmo lle foi retirada a licenza para exercer a medicina en 2010.
BASE CIENTÍFICA
Galicia Confidencial tentou contactar con organizacións contrarias á vacinación pero non houbo resposta. O que si abundan son as conferencias subidas a redes sociais para darlle publicidade a estes encontros e ás ideas expostas neles. Pero ademais, outra das curiosidades é que nalgúns casos, as persoas que emiten estas posturas son ou din ser profesionais da medicina. Entón, ten base científica a postura antivacinación? “Personalmente creo que non, todas as vacinas do calendario infantil están debidamente testadas, con eficacia contrastada e ademais, salvan vidas” di Pablo Vaamonde, médico. “É unha temeridade por parte dalgúns pais non vacinar os nenos, non só os desprotexen senón que a vacinación ten que ter unha porcentaxe poboacional determinada para xerar unha inmunidade comunitaria”.
“Outra cousa é a existencia de novas vacinas, como a do meningococo B que a xente se pon histérica e vai mercar a Portugal, pois creo que aí tampouco hai que ter présa” di Vaamonde. “Nas vacinas que non están no calendario oficial hai que dar tempo e ter certeza de que protexen, para iso hai que facer probas poboacionais”. É dicir, existe un testeado ou proba antes de que a vacina entre no mercado e nas campañas de vacinación. “Non obstante, as de sempre como a tripla vírica é indubidable que teñen beneficios para a poboación”. “A miña opinión é que estas posturas obedecen ao desexo de non quereren intervención médico-sanitaria sobre o corpo das persoas” sinala Vaamonde.
Pablo Vaamonde recoñece que “as vacinas teñen reaccións adversas, pero non se probou nunca que a tripla vírica cause autismo, por exemplo” e afirma máis “as probas están na erradicación dalgunhas enfermidades e redución doutras, pero ultimamente repuntan casos de sarampelo e pode ser que estea relacionado cunha cobertura vacinal insuficiente”.
Tanto Vaamonde como Manuel Vicente coinciden non obstante, en apuntar a existencia de colectivos sociais que, polas súas características, non estarían suficientemente cubertos pola vacinación. “Serían grupos étnicos itinerantes, como a poboación xitana, pero tamén colectivos en exclusión social ou reductos de marxinalidade que tiveron pouca cobertura, pero hoxe en día son moi poucos os casos”. O que si apuntan expertos sobre este colectivo antivacinas é o carácter sobre todo urbano do mesmo. “Porque a inmensa maioría das persoas levan os fillos vacinarse, van aos controis pediátricos”. Por tanto, a non vacinación dos nenos e nenas multiplica exponencialmente o risco de contraer doenzas que xa se terían superadas hai tempo.
O movemento antivacinas é o resultado dunha amálgama de ideas “antisistema” e teorías supostamente científicas, que co tempo foron caendo logo de diversas investigacións. No caso concreto que nos ocupa, a cuestión foi que había intereses económicos detrás das intencións do médico que afirmara que a vacina triple vírica aumentaba o risco de autismo. En tal caso, insistir que se tentou falar con persoas vinculadas a este movemento pero non se tivo resposta por parte delas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.